O BNG exige a retirada de toda a simboloxía fascista das rúas de Vigo

Publicidad

O  BNG esixiu, o pasado luns, a retirada de "toda a simboloxía fascista das rúas de Vigo" e, ademáis, denuncia a "impostura e cinismo" do goberno de Abel Caballero coa memoria histórica. Así o afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após celebrarse o pasado domingo o acto institucional do Concello de homenaxe aos alcaldes de Vigo e Lavadores e outros deputados e sindicalistas, asasinados en 1936 nos muros do cemiterio de Pereiró.

“Un recoñecemento necesario mais insuficiente”, subliñou Igrexas, que afeou que "87 anos despois permanezan na cidade monumentos e símbolos erixidos polos responsábeis dos fusilamentos de Emilio Martínez Garrido, José Antela Conde e de tantos e tantas demócratas de Vigo que defenderon mesmo coa súa vida a lexitimidade democrática fronte ao horror do nacionalcatolicismo".

Nese sentido, o portavoz nacionalista propuxo a creación dunha comisión municipal para avanzar na retirada efectiva de todos os símbolos e vestixios da “fatídica e infame” ditadura franquista, nomeadamente da cruz fascista do Castro, que “ofenden a todas e todos os demócratas da cidade”.

“Dende o BNG non queremos que en Vigo quede o máis mínimo rastro desa etapa de terror, sangue e represión”, asegurou Igrexas. “É momento de que o Concello de Vigo retome un compromiso real para a recuperación efectiva da memoria histórica e democrática”, reclamou.

Na mesma liña, o voceiro do Bloque considerou necesario "poñer en valor e dignificar os lugares da memoria na cidade". “Hai que lembrar a quen matou o fascismo, por que mataron e a que entregaron a súa vida os moitos heroes e heroínas que defenderon coa súa vida as liberdades democráticas que hoxe seguimos a reivindicar plenamente”, remachou.

Salir de la versión móvil