O BNG levará ao Congreso os problemas de acceso á fibra nas zonas rurais

Publicidad

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de manter unha reunión con membros da Plataforma de Gondomar, Fibra Xa! para coñecer de primeira man as deficiencias no servizo de acceso a Internet. Rego avanzou este xoves varias iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado, en colaboración coa Xunta de Galicia, solucione os problemas de conexión que acontecen na meirande parte dos concellos da comunidade.

Na reunión, o deputado no Congreso estivo acompañado tamén pola concelleira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, que aseguraba que a cobertura da fibra óptica “non supera 25% das vivendas totais do concello”. Esta cobertura concéntrase principalmente no casco urbano da vila e nunha parte da parroquia de Vincios, deixando as demais parroquias sen cobertura.

A maioría das persoas usuarias do Concello teñen acceso a internet a través dunha ADSL pobre e súper saturada. Para solucionar esta deficiencia, hai usuarias que escollen a rede móbil 4G mais esta, co uso, satúrase e deixa de ser eficiente e remata cos mesmos problemas de lentitude e, inclusive, afecta ao servizo de telefonía” sinala Rodríguez.

Para o deputado do BNG no Congreso, esta situación non pode acontecer máis porque “as persoas usuarias están a pagar un servizo que non reciben das empresas de telefonía coas que teñen contratado o servizo de Internet”. As prestacións que, de maneira sistémica, incumpren os contratos mais isto non se traduce nun desconto ou abaratamento da factura.

“Vulnérase o dereito a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións que outras zonas. A verdadeira fenda dixital en Gondomar é a derivada dun servizo esaxeradamente lento, cando non inexistente, nas zonas máis rurais do concello” subliña Rego. Esta fenda, lembra, fíxose máis notoria durante o confinamento, cando a conexión a internet foi máis necesaria que nunca, e deixou en evidencia que “aínda estamos nunha Galiza de dúas velocidades”.

Así mesmo, o deputado lembra que se están a incumprir os compromisos adquiridos “a respecto á velocidade do acceso a Internet neste territorio” posto que “estabelecían na Galiza, para o 2020, 30 megas de velocidade na meirande parte deste Concello e aínda non se chega a 10% do territorio”.

Salir de la versión móvil