O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno do Concello de Vigo, convocado para este mércores 9 de setembro, unha moción contra as comisións bancarias abusivas e polo dereito ao acceso universal e gratuíto aos servizos bancarios. Unha iniciativa en reacción á nova vaga de comisións adoptadas por diferentes entidades financeiras, e na que salienta o polémico caso de Abanca que a mediados deste ano mudou unilateralmente as condicións de servizo para iniciar o cobro de 50 euros semestrais en concepto de comisión de mantemento e xestión das contas bancarias.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade de que o Concello de Vigo exprese de maneira rotunda o rexeitamento a estas prácticas que supoñen “un roubo” e que padecen “moitos millares de viguesas e vigueses”.
“Abanca foi rescatada con 9 mil millóns de euros públicos, dos que só se devolveron apenas mil na operación de privatización e bancarización, que os seus novos donos, de capital estranxeiro, recuperaron en apenas un exercicio. Ademais Abanca recolleu o pasado ano 405 millóns de euros de beneficios. Porén, non tivo reparos en aplicar unha nova comisión bancaria de 100 euros anuais polo mero feito de ter unha conta aberta”, explicou o portavoz municipal nacionalista, que lembrou que esta práctica motivou o rexeitamento de máis de 120 mil persoas a través dunha recollida de sinaturas.
Unha situación que afectou tamén a persoas empobrecidas e en risco de exclusión social como as perceptoras da Risga e outros subsidios, malia que unha directiva da Unión Europea estableceu a existencia de “contas bancarias básicas” de carácter totalmente gratuíto. “É intolerábel que persoas que apenas teñen ingresos para subsistir sexan atracadas polo seu banco polo feito de estaren obrigadas a ter unha conta na que ingresar unha Risga”, criticou Igrexas.
A moción do Bloque insta o Goberno municipal a dirixirse á dirección de Abanca para esixir a devolución destas comisións abusivas e a súa anulación. En caso de non atender ese reclamo, demandan que o Concello revise todos os servizos contratados con esa entidade financeira.
Ademais, a fronte nacionalista insta o Goberno español –como vén de facer o deputado no Congreso, Néstor Rego, a través dunha Proposición Non de Lei– a impulsar unha modificación normativa para prohibir definitivamente esas comisións, tal e como permite a directiva europea, para garantir o acceso universal e gratuíto aos servizos bancarios. Demandan tamén que a Xunta de Galiza impulse a creación dunha banca pública galega “ao servizo do País e do pobo”.