O Bloque Nacionalista Galego vén de lograr o apoio do Pleno municipal para declarar a Vigo como cidade contraria de todas as formas de maltrato animal e avanzar en políticas en favor do benestar animal. A moción formulada pola fronte nacionalista con 14 medidas para situar á cidade como referente nesta materia resultou aprobada co voto favorábel da Marea e malia a abstención dos grupos municipais do PSOE e do PP.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, celebrou esta aprobación que dá resposta “á crecente sensibilidade ambiental e da conciencia ecolóxica entre a veciñanza de Vigo, que demanda medidas para avanzar no recoñecemento dos dereitos dos animais”. Por este motivo, defendeu como necesarias estas propostas para colocar a Vigo na “vangarda” do benestar animal e como unha das cidades máis avanzadas no Estado.
O candidato nacionalista asegurou que “Vigo ten dado pasos significativos pero insuficientes nesta materia”, como foi a decisión municipal de prohibir no ano 2013 a realización de circos e eventos con animais en cautividade. Por ese motivo, o Bloque aposta por destinar máis medios e recursos e actualizar o marco normativo do Concello nas súas propostas.
Entre as 14 medidas, o BNG conseguiu declarar Vigo “cidade contraria de todas as formas de maltrato animal, incluídas as touradas como expresión de tortura”. Nesa liña, as nacionalistas chamaron a elaborar unha nova Ordenanza Municipal de Protección e Benestar animal que conte coa participación de colectivos e entidades animalistas e de defensa ambiental. A respecto destas organizacións, animaron ademais a poñer en marcha convenios de colaboración estábeis co Concello que conten con axudas municipais.
O concelleiro do Bloque reclamou poñer fin ao “modelo exhibicionista” de Vigo Zoo, apostando pola implementación da estratexia Zoo XXI que permita reconvertelo de maneira efectiva nun centro de recuperación e estudo da fauna e como un espazo para a sensibilización social sobre a protección e o benestar animal. Demandou tamén actuar sobre o Centro Municipal de Recollida de Animais Abandonados da Madroa, ampliando e reorganizando as instalacións e avanzando cara o obxectivo de sacrificio cero.
Puntos da moción:
- Declarar Vigo cidade contraria de todas as formas de maltrato animal, incluídas as touradas como expresión de tortura.
- Instar ao Goberno municipal a:
2.1.Elaboración, a través dun proceso participativo cos colectivos animalistas e de defensa ambiental, dunha nova Ordenanza Municipal de Protección e Benestar animal, que substitúa a actual de protección e tenencia.
2.2. Poñer fin ao modelo exhibicionista de Vigo Zoo, implementando a estratexia Zoo XXI e reconfigurándoo de maneira efectiva como un centro de recuperación e estudo da fauna e como un espazo para a sensibilización social sobre a protección e benestar animal.
2.3.Ampliación e reorganización do Centro Municipal de Recollida de Animais Abandonados da Madroa, adoptando as medidas precisas para atinxir o obxectivo de sacrificio cero.
2.4.Posta en marcha de convenios de colaboración estábeis, con axudas municipais, con entidades non lucrativas de protección animal.
2.5.Garantir a aplicación do método CES (Captura, Esterilización e Solta) para controlar o número de gatos na rúa. Así como o establecemento dun protocolo para censar as colonias existentes e procurar para a súa xestión a colaboración de asociacións protectoras radicadas no municipio, dotándoas dos medios necesarios e procedendo a sinalizar as zonas de colonias para evitar atropelos.
2.6.Posta en marcha de medidas preventivas e disuasorias para a fauna silvestre, así como a implementación de pasos seguros que eviten a sinistralidade vial.
2.7.Promover as medidas necesarias que permitan o acceso de animais domésticos ao servizo de autobús urbano, o albergue municipal e outras instalacións públicas.
2.8.Avanzar na eliminación das restricións para o acceso de animais ao espazo público na cidade, a principiar pola revogación do acordo municipal que limita só ás praias da Foz esquerda e a Calzoa como areais autorizados para cans.
2.9.Renovación dos parques caninos da praza García Picher e da Ponte Nova e creación de novos espazos urbanos para o esparcemento canino.
2.10. Despregar un programa municipal de esterilización de animais domésticos, que inclúa a prestación gratuíta para persoas de baixos recursos.
2.11. Realizar un maior esforzo na promoción da adopción de animais fronte ao modelo mercantilista.
2.12. Estudar a posta en marcha dun servizo veterinario municipal, con tarifas reducidas e servizos gratuítos para persoas sen fogar e de baixos recursos.
2.13. Pular pola limitación estrita da práctica da caza en todo o termo municipal, cara a súa desaparición.