O BNG pide ao Concello de Vigo que remate coa súa "descarada complicidade" con Vitrasa

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego demanda a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Transportes do Concello de Vigo para poñer fin á “situación límite” do autobús urbano. A fronte nacionalista chama a reunir o máximo órgano municipal na materia para acordar unha saída ao problema en Vitrasa e reverter a precarización do servizo, diante dos “graves prexuízos” que padece a veciñanza nos últimos anos.

Así o anunciou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que o Consello de Transportes leve sen reunirse dende novembro de 2019 por decisión do Goberno de Abel Caballero, a pesar dun conflito que supera xa os dous anos. “O que está a traducirse estes días de maneira ben clara en buses absolutamente cheos e acumulando atrasos e, polo tanto, ofrecendo un servizo que non está á altura da maior cidade galega”, criticou.

Igrexas valorou que esta “precarización” obedece ao recorte de até 250 frecuencias, á supresión de varias liñas de autobús (como a C2, os nocturnos 2 e 3 ou a destinada a persoas con mobilidade reducida) así como á “nefasta” fusión de liñas como a da A, que deu lugar a unha percorrido “disfuncional” xa advertido no seu momento polas nacionalistas. Engadiu, recollendo unha reiterada crítica veciñal, o “desastre” que supoñen os denominados horarios flexíbeis que, sumado ao paso de buses xuntos en poucos minutos, deixan a moitos barrios e parroquias con largos períodos de tempo sen servizo.

Responsabilidade do Goberno de Caballero

O portavoz do Bloque culpou desta situación ao Goberno de Abel Caballero pola súa “deliberada inacción” diante dos “gravísimos e reiterados incumprimentos” por parte da empresa, tanto da concesión como das obrigas co seu persoal. “Isto derivou nun conflito laboral enquistado polo enroque da dirección de Vitrasa, coa descarada complicidade do alcalde, que é responsábel das continuas xornadas de paros parciais e folgas”, cuestionou.

Dende o BNG insistiron, na liña do defendido nos últimos meses, na "urxencia" dunha actuación do Concello para resolver este problema que, lembrou Igrexas, atinxe a un servizo de titularidade municipal e “absolutamente esencial para as viguesas e os vigueses”.

Salir de la versión móvil