O Bloque Nacionalista Galego formulou doce emendas ao proxecto de nova ordenanza municipal de terrazas do Concello de Vigo. As achegas da fronte nacionalista teñen un carácter “construtivo e positivo” e buscan, aseguran dende a formación, mellorar o texto elaborado polo Goberno, "a favor da conciliación do uso do espazo público pola hostalaría e do dereito de tránsito das veciñanza", con especial atención á protección da accesibilidade das persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, deu conta esta mañá das emendas presentadas. Os nacionalistas apostan por aumentar o ancho mínimo do espazo de tránsito para as persoas na beirarrúa até 1,80 metros, como reclaman colectivos de atención á diversidade funcional, precisamente para asegurar un espazo suficiente para a circulación de cadeiras de rodas ou carros de crianzas. Neste mesmo sentido, defenden que se estabeleza unha distancia de como mínimo un metro desde a liña de terrazas cos portais e accesos a vivendas e fincas.
Ademais, as emendas do Bloque procuran "perfeccionar" a ordenanza no relativo á instalación e fixación de elementos na vía pública. Defenden que a modificación dos horarios recollidos sexa acordada polo Pleno e non pola Xunta de Goberno, ao considerar que “non ten sentido aprobar un horario na ordenanza para que logo poida ser modificado de maneira discrecional ou arbitraria polo Goberno”.
En relación á instalación de terrazas en zonas de aparcamento sobre a calzada, que é unha das principais novidades da ordenanza, o Bloque reclama que se incorpore a esixencia de garantías tanto de seguridade viaria como de accesibilidade desde a beirarrúa. “As doce emendas do BNG son propostas construtivas e en positivo, que perseguen fundamentalmente unha mellor conciliación do uso do espazo público pola hostalaría co dereito de tránsito da veciñanza e a accesibilidades das beirarrúas”, resumiu Igrexas.