O BNG urxe reforzar os servizos socais de Vigo ante a demora de un mes para ter cita

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego urxe reforzar de forma inmediata os servizos sociais do Concello de Vigo ante o colapso e as demoras de máis dun mes para ter cita. A fronte nacionalista denuncia a “inxustificábel e indecente precariedade” que padecen as unidades de traballo municipais pola falla de medios e persoal.

Máis dun mes á espera para acceder a recursos que son vitais para enfrontar situacións de verdadeira emerxencia social, nun contexto ademais marcado polo agravamento da crise, como as que está vivindo infelizmente un cada vez maior número de persoas e familias da nosa cidade”, alertou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que Vigo segue tendo máis de 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza

O edil nacionalista puxo como exemplo a oficina de servizos sociais de Teis, pechada durante meses até este xoves “a pesar da propaganda e dos anuncios”. Cuestionou, nese sentido, que o goberno de Abel Caballero teña na máis “absoluta precariedade” os servizos sociais malia contar o Concello con máis recursos dos que nunca na súa historia.

Menos da metade das traballadoras sociais necesarias

“Inda que non se poida inaugurar, axudar ás familias máis vulnerábeis e ás persoas empobrecidas ten que ser unha verdadeira prioridade na política municipal”, reclamou Igrexas, que salientou que Vigo a día de hoxe ten menos da metade das traballadoras sociais que lle corresponden en función da súa poboación. “Ten que haber un compromiso real para facer do Concello de Vigo un parapeto que protexa a quen máis o necesita; iso é humanizar de verdade unha cidade”.

O candidato do BNG asegurou que hai “recursos, orzamento e capacidade de contratación” para reforzar e evitar este colapso das unidades de traballo social. “Por iso non podemos entender como o Goberno municipal deixou sen gastar preto de 10 millóns de euros no capítulo de persoal en 2022 e ten máis de 300 prazas de persoal do Concello sen adxudicar”.

Salir de la versión móvil