Falar de alimentación e saúde é ter en mente unhas cifras moi alarmantes: 44.000 persoas morren cada ano en España por unha mala alimentación, unha taxa de mortandade máis alta que o tabaco; o 59% das enfermidades crónicas teñen a súa orixe na falta dunha dieta saudable; no 2030 máis de 27 millóns de españoles e españolas padecerán obesidade ou sobrepeso e, hoxe en día, xa o 34% dos nenos e nenas sofren sobrepeso e o 18% son obesos. “Todas estas cifras deberían facernos parar a reflexionar e replantexarnos o que está a pasar”. Así de contundente se amosou o chef Juan Llorca durante a súa conferencia na segunda xornada da V Semana da Educación de Tomiño, na que desgranou os erros e problemas máis frecuentes que se atopan en materia de alimentación infantil e posibles solucións para afrontalos.
O chef, que abandonou as estrelas Michelín por cocinar nun centro Montesori, aproveitou a charla para desmitificar moita das afirmacións que chegan a nais, pais ou educadores por diferentes medios e que se toman como bases da educación alimentaria dos e das máis pequenas da casa. “Hoxe en día temos demasiada información, boa e mala, temos acceso a demasiadas opinións externas e non temos por que saber se son correctas ou non”, explicou Llorca, quen salientou aspectos como a importancia de ensinar aos nenos e nenas a cociñar para “darlles máis ferramentas á hora de elixir que comer ou non comer” ou a necesidade de dispoñer na sanidade pública dun especialista en nutrición.
Galicia é unha das zonas de España con maior índice de prevalencia da obesidade en idade adulta, unha taxa elevada que tamén se reflicte en idades temperás e que “non deixa de ser unha enfermidade”. “Hai moitos factores que inflúen en que cada vez haxa máis nenos e nenas con sobrepeso. Por exemplo, o sedentarismo é unha parte importante da ecuación, porque por moi ben que nos alimentemos se non temos actividade física estamos prexudicando á nosa saúde. Pero hai que ter unha cousa clara, como dicía Margaret Chan, ex directora da OMS: ningún dos factores que interveñen nas causas da obesidade infantil están baixo o control do neno ou da nena”, destacou.
Unha charla didáctica e esclarecedora que, como salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “serve para darnos unha orientación, unha pauta, de como alimentar de forma saudable aos nosos fillos e fillas”.