O CIM analiza se a alcalinización dos océanos é segura para a vida mariña con maior temperatura da auga

O mesocosmos do Centro de Investigación Mariña da UVigo acolleu nas últimas semanas un equipo internacional que realizou un experimento para coñecer como responderán as comunidades planctónicas mariñas á alcalinización do océano nun escenario de aumento da temperatura da auga. No traballo realizado na Ecimat participaron investigadores de Grecia, Italia, Francia, Finlandia e Estados Unidos financiados a través dos programas de acceso transnacional dos proxectos Iriscc e Aquaserv. Centráronse na alcalinización oceánica, un proceso que consiste en aumentar a alcalinidade da auga do mar para favorecer a captación e almacenamento de CO₂ mantendo estable o pH mariño. Esta é unha das solucións que actualmente se avalían para mitigar o cambio climático xa que, ao mesmo tempo que permite retirar CO₂ atmosférico, tamén axuda a reducir os efectos da acidificación do océano causada polas emisións de dióxido de carbono.

O obxectivo deste experimento internacional era estudar os efectos que pode ter esta vía da alcalinización sobre os organismos que constitúen a base da cadea alimentaria mariña cando se aplica nas condicións climáticas previstas para o futuro.

Analizar a resposta de toda a comunidade planctónica

O estudo desenvolveuse na segunda quincena de xuño e estivo coordinado polo investigador do CIM Pablo Serret e nel participaron 12 investigadores de España, Grecia, Italia, Francia, Finlandia e Estados Unidos. Durante o traballo empregáronse doce mesocosmos distribuídos en catro tratamentos experimentais: tres de control, tres con incremento da alcalinidade, tres cun aumento de tres graos na temperatura da auga e outros tres nos que se combinan ambas condicións. “Este deseño permitirá diferenciar o efecto da alcalinización, o da temperatura e, sobre todo, comprobar como interactúan ambos factores”, explica José González, responsable da Unidade de Oceanografía da Ecimat.

Ao longo do experimento analizouse a resposta de toda a comunidade planctónica, desde virus e bacterias ata fitoplancto e zooplancto, para determinar se a alcalinización pode alterar o funcionamento da rede trófica mariña nun océano máis cálido.

Unha medida prometedora fronte ao cambio climático

Segundo detalla o investigador Pablo Serret, "a dificultade para reducir as emisións globais de gases de efecto invernadoiro ao ritmo necesario está a facer que as estratexias de retirada de CO₂ da atmosfera ocupen un lugar cada vez máis relevante na axenda climática internacional”. Estas estratexias, entre elas a alcalinización oceánica, “non substitúen a redución urxente das emisións, que segue a ser imprescindible, pero poden resultar necesarias para compensar aquelas emisións residuais que son especialmente difíciles de eliminar e contribuír a acadar os obxectivos de neutralidade climática".

Con todo, e a pesar de que “a súa eficacia desde o punto de vista químico xa foi demostrada, aínda é necesario coñecer as súas consecuencias ecolóxicas”, afirma José González. Así, o experimento realizado no CIM pretende comprobar se unha medida que pode contribuír á mitigación do cambio climático resulta compatible coa conservación dos ecosistemas mariños, especialmente nunha contorna de quecemento global.

"Neste contexto, o océano preséntase como un candidato especialmente relevante pola súa enorme capacidade natural para almacenar carbono e polo papel fundamental que desempeña na regulación do clima. Con todo, precisamente pola importancia e complexidade dos ecosistemas mariños, calquera técnica de eliminación de CO₂ baseada no océano debe ser avaliada con todo o rigor científico antes de considerar a súa posible aplicación a maior escala. É necesario coñecer con precisión cal é a súa capacidade real para retirar CO₂ da atmosfera, como se pode medir esa retirada, que efectos produce sobre os ecosistemas mariños e en que condicións podería ser ambientalmente segura e socialmente aceptable. Os experimentos en mesocosmos constitúen unha ferramenta fundamental porque permiten estudar comunidades mariñas reais en condicións controladas", sinala Pablo Serret.

Comparación entre ecosistemas moi diferentes

Os resultados obtidos na ría de Vigo compararanse cos rexistrados en experimentos similares realizados en Creta, no marco da colaboración que o CIM mantén desde 2021co Hellenic Centre for Marine Research (HCMR). “A comparación entre un ecosistema costeiro altamente produtivo como o das rías galegas e outro ultraoligotrófico, como o Mediterráneo oriental, permitirá avaliar se a resposta dos organismos é común ou depende das características ambientais de cada rexión”, detalla González.

Neste sentido Pablo Serret fai fincapé en que "este experimento non é un ensaio illado, senón que forma parte dun esforzo europeo coordinado para desenvolver infraestruturas, protocolos comúns e criterios de calidade que permitan avaliar cientificamente este tipo de aproximacións. No marco de Iriscc, o CIM desempeña un papel destacado no desenvolvemento dun novo metaservizo europeo para a avaliación de técnicas de mitigación oceánica, baseado na realización de experimentos comparables en instalacións de mesocosmos situadas en Vigo, Creta, Tvärminne-Helsinqui e Portugal. O obxectivo é que diferentes grupos de investigación poidan avaliar estas técnicas mediante deseños experimentais repetibles, datos interoperables e criterios comúns de calidade”.

Ademais, destaca que "este enfoque encaixa plenamente coas novas políticas europeas de protección e restauración da natureza, que non só perseguen conservar a biodiversidade, senón tamén manter e recuperar o bo funcionamento dos ecosistemas. A medición da produción, a respiración e o balance metabólico da comunidade permite determinar se unha intervención altera procesos esenciais como a fixación de carbono, o consumo de osíxeno ou o fluxo de materia e enerxía a través da rede trófica."

Unha infraestrutura de referencia internacional

O experimento pon tamén en valor as instalacións de mesocosmos do CIM, integradas na carteira de servizos científicos que se ofrecen nas infraestruturas da rede European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC), da que forma parte a Ecimat. Entre as poucas infraestruturas deste tipo existentes en Europa, a do CIM é a única de mesocosmos exteriores equipada cun sistema de monitorización continua e cun innovador sistema de mestura mediante hélices que reproduce o movemento natural da auga sen recorrer ao burbullado de aire, minimizando así as interferencias sobre os organismos e asegurando un control do intercambio de gases entre a auga e a la atmosfera.

Ademais, as instalacións incorporaron recentemente un novo sistema de control térmico que permite manter de forma estable unha diferenza de tres graos respecto da temperatura natural da auga do mar, recreando con gran precisión as condicións previstas para os océanos nas próximas décadas.

Segundo Pablo Serret, "o balance do experimento realizado en Vigo foi moi positivo, tanto polos resultados científicos que agardamos obter como pola colaboración internacional que xerou. Permitiu reunir no CIM capacidades complementarias de primeiro nivel: a experiencia técnica da Unidade de Oceanografía e Mesocosmos, a colaboración con infraestruturas europeas de referencia como HCMR e SYKE, e a participación de grupos internacionais líderes en bioxeoquímica oceánica, como o da Universidade de Duke. Este tipo de colaboración é fundamental para avanzar desde experimentos individuais cara a unha capacidade europea integrada que permita avaliar con rigor científico as posibles estratexias de mitigación do cambio climático baseadas no océano."

Salir de la versión móvil