O proxecto de divulgación científica Alerta Verde, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), concluíu a súa primeira etapa tras achegar a ciencia a preto de 3500 persoas en toda Galicia.
Percorréronse milleiros de quilómetros, visitáronse decenas de centros educativos, participouse en feiras científicas e compartíronse experiencias con comunidades educativas e sociais de toda Galicia e todo isto permitiu que centos de mozos e mozas se achegasen por primeira vez á investigación, descubrisen o papel da enxeñaría na construción dun futuro máis sustentable e comprendesen que a ciencia forma parte das solucións a moitos dos desafíos que afectan á vida cotiá do conxunto da sociedade.
O principal eixe do proxecto foi o Tour Alerta Verde, que percorreu as catro provincias galegas e permitiu formar máis de 700 estudantes de ESO e Bacharelato a través dun videoxogo educativo no que debían resolver distintos desafíos científicos e tecnolóxicos para "salvar o seu centro educativo". A isto sumouse unha xornada híbrida celebrada nas instalacións de Cintecx, na que máis de 134 estudantes percorreron laboratorios e infraestruturas de investigación en formato escape room. A programación completouse, ademais, coas actividades organizadas durante as Xornadas de Portas Abertas da Escola de Enxeñería Industrial e coa presenza en feiras como Ponteciencia, Val Miñor é Ciencia, A Ciencia que Vén ou o Feelant Summit, onde tamén se exhibiron os pósteres científicos elaborados polo alumnado participante.
A experiencia transcendeu ademais o ámbito autonómico coa súa presenza no congreso internacional SciComPt 2026, contribuíndo a dar a coñecer a iniciativa entre profesionais da divulgación científica e público procedente de Portugal.
“A combinación de xogo, divulgación científica e interacción directa co persoal investigador permitiunos achegar conceptos complexos dunha maneira accesible e motivadora”. Así o destaca Paloma Pérez Fernández, profesora do IES Castro de Vigo, quen define a iniciativa como "unha bombona de osíxeno". Nesta liña, sinala que o proxecto supuxo "unha motivación para o alumnado, convertendo materias especialmente complexas nunha experiencia lúdica que xerou ganas de seguir ampliando coñecementos".
Un balance semellante realizan Alba Giráldez e Lea Melón, técnicas de apoio á investigación de Cintecx e responsables de coordinar o percorrido da iniciativa por toda Galicia. "Dous meses de ruta sen parar deixan un cansazo tremendo, pero tamén o orgullo de ter espertado e inspirado vocacións científicas xogando a Alerta Verde", explican. Para ambas as dúas, un dos maiores logros foi comprobar de primeira man a resposta do alumnado. "Coordinar o tour polas catro provincias galegas foi un reto esgotador, pero ver ao alumnado aprender a través do videoxogo e das actividades de divulgación fai que cada quilómetro pagase a pena", destacan.
A inclusión foi outro dos eixes transversais da iniciativa. Co obxectivo de facer a investigación máis accesible para colectivos que habitualmente contan con menos oportunidades de participar neste tipo de actividades, Cintecx organizou xornadas específicas adaptadas a diferentes perfís e necesidades. Neste contexto participaron vinte e seis mozos e mozas da Asociación Secretariado Gitano de Vigo e unha decena de persoas usuarias de Down Vigo, que puideron gozar da experiencia nas instalacións do centro mediante actividades adaptadas ás súas características e niveis de coñecemento.
As entidades colaboradoras realizaron unha valoración moi positiva da experiencia, destacando tanto o interese dos contidos como a metodoloxía empregada. As persoas asistentes agradeceron especialmente ter sido incluídas na proposta e puxeron en valor a importancia de desenvolver actividades científicas accesibles para toda a cidadanía.
Aínda que o tour xa rematou, os recursos creados permanecerán dispoñibles para a comunidade educativa e para calquera persoa interesada en descubrir como a ciencia axuda a afrontar os desafíos ambientais e enerxéticos do presente e do futuro. O videoxogo desenvolvido no marco do proxecto seguirá accesible a través da páxina web de Cintecx, permitindo que novas persoas poidan continuar xogando ao escape room e enfrontarse aos retos formulados durante esta primeira etapa.
Alerta Verde foi posible grazas á Convocatoria de Axudas para o Fomento da Cultura Científica e da Innovación 2026 da FECYT e á Axuda para a Estrutura, a Mellora e o Apoio aos Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Cigus), cofinanciadas por fondos europeos no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.
Os recursos creados, entre eles un videoxogo, seguirán activos na web de Cintecx
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL