O CIM da UVigo participa nun proxecto europeo de investigación en acuicultura, pesca e economía azul

Publicidad

O Centro de Investigación Mariña, CIM, da Universidade de Vigo é un dos socios do proxecto Aquaserv, unha iniciativa financiada con 14,5 millóns de euros do programa Horizonte Europa dirixida á creación dunha rede europea de infraestruturas de investigación en acuicultura, pesca e economía azul. Trátase de mellorar os servizos das múltiples institucións que forman o consorcio de xeito que sexan máis innovadores e personalizados, ademais de fomentar un maior intercambio de coñecementos e tecnoloxía entre o persoal investigador internacional a este respecto.

As 39 institucións de investigación de 16 países europeos -España, Portugal, Francia, Italia, Grecia, Turquía, Reino Unido, Noruega, Finlandia, Suecia, Eslovenia, República Checa, Hungría, Holanda, Dinamarca e Bélxica- que forman parte do proxecto buscarán integrar as súas capacidades, ofrecendo acceso transnacional ou virtual ás mesmas e promovendo o avance científico a través da implementación da Política Pesqueira Común europea, a Estratexia da Granxa á Mesa, a Economía Azul Sostible e o Pacto Verde europeo. Así, establecerase unha rede única, interoperable e transdisciplinaria de infraestruturas cun catálogo unificado de servizos innovadores e eficientes nos campos da acuicultura sostible, a pesca e a economía azul.

Co fin de abordar os desafíos sociais e as misións de Horizonte Europa, é imprescindible contar con servizos de investigación que aumenten a capacidade de resolver problemas e promovan as políticas comunitarias, xunto cun maior intercambio de coñecemento entre disciplinas, academia e industria. Para iso, Aquaserv ofrecerá á comunidade científica e a empresas acceso transnacional e virtual a un conxunto avanzado de infraestruturas de investigación europeas e a outros servizos de investigación e xestión de recursos biolóxicos mariños e de auga doce, alimentos e biotecnoloxía. Por parte do CIM, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) será parte da rede como unha das estacións pertencentes ao nodo español de European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC).

Colaboración internacional

A través da creación deste consorcio, desenvolveranse diferentes colaboracións entre os integrantes do mesmo. O investigador principal do proxecto e catedrático do CIM, José Luis Soengas, explica ao respecto que “a iniciativa vertebra a un consorcio europeo no que é fundamental a participación da nosa estación, como parte do nodo español de EMBRC-ERIC”,a o que engade que “a creación desta rede abre a posibilidade de colaborar con persoal investigador doutros países interesado en traballar no meu campo, a acuicultura, facilitando o procedemento de intercambio de coñecemento e favorecendo a apertura de novas liñas de estudo ou avances de investigación a través destas sinerxías”.

O director do CIM, Daniel Rey, sinalou a este respecto que “é necesario reforzar a capacidade das infraestruturas de investigación para proporcionar servizos a grande escala e en toda a Unión Europea, co fin de consolidar unha investigación interdisciplinar excelente, facilitar novos descubrimentos e promover avances no coñecemento de sectores estratéxicos como a pesca e a acuicultura para Galicia”. Igualmente, recalcou que “debemos ter en conta que o persoal investigador precisa capacitación e conciencia para poder aproveitar ao máximo todas as ferramentas dispoñibles para a súa investigación”.

Actuacións en diferentes ámbitos

Durante os 60 meses que durará o proxecto, crearase unha ampla e única gama de servizos que conecten diferentes comunidades de investigación e aborden investigacións transnacionais. Por outra banda, aplicaranse as mellores prácticas nas infraestruturas e na prestación de servizos e ofrecerase formación aos posibles usuarios das mesmas, comunidade científica e persoal técnico, en canto a instrumentación e metodoloxías avanzadas, seguindo os principios da Ciencia Aberta.

A rede tamén será un enlace clave entre a comunidade científica, a industria, a administración e a sociedade para promover a innovación, debuxando un mapa de grupos de interese sectoriais no ámbito da promoción do desenvolvemento industrial e social.

De cara ao futuro, o proxecto buscará garantir a continuidade, desenvolvemento dinámico e a personalización dos servizos da rede para satisfacer as necesidades futuras e as prioridades de investigación da industria, a sociedade, a política e a ciencia, de tal forma que se poida avanzar na consecución dunha bioeconomía azul baseada na excelencia e potenciando o Crecemento Azul en Europa.

Salir de la versión móvil