O comité de Vitrasa impugna o ERTE que afecta aos 280 condutores da compañía

Publicidad

O comité de empresa de Vitrasa, a empresa concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, manifestou que impugna o ERTE presentado pola compañía e que afecta aos 280 condutores ao considerar que incumpre a lexión. Ademais, segundo sinala a CIG, a representación do cadro de persoal cualifican de “chapuza esaxerada” a aplicación da medida.

A central sindical expresa que a representación do cadro de persoal remitiulle un informe desfavorable sobre o ERTE á delegación provincial da Consellería de Emprego ao entender que non existe xustificación para aplicar o procedemento de forza maior, o que se traduce na supresión do período de consultas, e na non emisión dun informe xustificando documentalmente a repercusión do estado de alarma na actividade da empresa.

O comité solicitou constituír unha comisión negociadora que acordase os termos do ERTE, así como abrir un período de consultas cos representantes legais dos traballadores, “solicitude que en ningún momento foi contestada pola dirección”, segundo o explica o presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG. O sindicato apunta que outra das cuestións recollidas no informe ten que ver con que na documentación entregada por Vitrasa para xustificar a aplicación do ERTE por causas de forza maior “non consta como xustificación a realización nas empresas de transporte de viaxeiros por estrada de competencia autonómica ou local que estean sometidas a contrato público, como neste caso”. Ademais, inciden en que o Concello de Vigo non deu instrucións o día 15 de marzo de reducir o servizo un 50%, como expón a empresa na documentación achegada.

O presidente do comité cualifica de “chapuza esaxerada” a aplicación do ERTE, xa que apuntan que se fai en días alternos. “Traballas un día, e vas outro de ERTE. Logo unha semana de ERTE e volver traballar un día e outro non”. Os representantes do cadro de persoal sinala que o normal tería sido aplicalo todo seguido, como traballar unha semana seguida e outra non.

Salir de la versión móvil