O pleno do Consello Social da Universidade de Vigo aprobou este venres no campus de Ourense os orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2025. Tras ser presentados no Claustro e aprobados no Consello de Goberno a pasada semana, remata así a súa tramitación. Polo tanto, a institución académica contará o vindeiro ano cun orzamento de 248.822.967 euros, mantendo a súa “senda de equilibrio orzamentario”.
A xuntanza tivo lugar no edificio Campus Auga, tendo en conta a acreditación este ano por parte da Xunta de Galicia deste campus de especialización da UVigo. Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, lembrou que os orzamentos aprobados hoxe fano tras “pasar por todas as comisións e órganos de goberno internos”. Son, indicou, “uns magníficos orzamentos para desenvolver no ano 2025 moitas actividades”, citando entre elas, por estar no campus de Ourense, as obras do novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. O responsable académico explicou que se trata “duns orzamentos continuistas, no senso de que nos van a permitir seguir coas mesmas políticas de persoal que levamos ata o de agora e tamén conseguir a remuda xeracional e reequilibrio de áreas e ámbitos que nos propuxemos hai sete anos, cando nos presentamos ás primeiras eleccións”. O seu obxectivo, engadiu o reitor, son “que teñamos unha universidade máis rexuvenecida, con moita calidade, igual que temos agora mesmo; unha universidade forte en investigación e desde logo máis equilibrada en termos de profesorado”. Pola súa banda, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo, subliñou o feito de que “o orzamento deste ano é case igual co do ano pasado” o que, indicou, amosa, “a boa saúde económica da Universidade de Vigo”. Un ano máis, afirmou, “cumprimos as expectativas que nos propuxéramos e podemos estar satisfeitos porque estamos nunha universidade saneada”.
Tal e como se informou no pleno, o teito de gasto non financeiro da UVigo para o vindeiro ano é de 175.025.709,16 euros, cifra “axustada á regra de gasto” e que “garante o reforzo da prestación do servizo público pola Universidade de Vigo”. Polo que respecta aos orzamentos da institución académica, que ascenden a 248.822.967 euros, manteñen a senda de equilibrio orzamentario pola que a institución transita no ciclo económico dende 2012 e marcan como liñas prioritarias as políticas de persoal e a I+D+i. Ademais están aliñados co “crecemento sostible” do financiamento estrutural que a institución académica recibe da Xunta ao abeiro do Plan de Financiamento do SUG.
Entrando no seu detalle, no que se refire ao orzamento de ingresos, o principal capítulo é o de transferencias correntes, que representa o 63% do total con 156,4 m€. Por detrás está o de transferencias de capital, que supón o 18% dos ingresos (45 m€) e o de variación de activos financeiros, que representa o 12% do total de ingresos (29,2 m€). Completan o resumo de ingresos, con contías menores, os capítulos de taxas e prezos públicos (15,3 m€) e ingresos patrimoniais e variación de pasivos financeiros, que apenas supoñen o 0,004% do orzamento total de ingresos.
No que se refire aos gastos, o capítulo I, de gastos de persoal, continúa a ter a principal partida de gasto, cun 58,66% do total do orzamento cun importe de 145.682.543,00 €. O capítulo II, de gasto corrente en bens e servizo, ten unha previsión de 35.017.812,00 €. O capítulo III, de gasto financeiro, inclúe os créditos para atender os gastos asociados a contratación de avais para licitacións publicas ao amparo do art. 60 da LOSU, os intereses de demora consecuencia de reintegros de subvencións non executadas e os asumidos en operacións internacionais fóra da UE, así como as comisións de mantemento das contas correntes en entidades bancarias. Sen variación destacable no capítulo IV, de transferencias correntes, no conxunto de operacións correntes o incremento alcanza o 2,52%. Por último, o capítulo VI, de investimentos reais, acada unha contía de 57.151.763,00 €, o que representa o 23,01% sobre o total do orzamento de gasto.
En canto ao gasto por programas, a principal partida correspondente ao goberno e administración da Universidade, que representa un 63% do total con 156,4 m€, dos cales a gran maioría se destinan a gastos de persoal (143,5m€) e a gastos ordinarios e de funcionamento. O seguinte programa en relevancia é para investigación e transferencia, que representa o 21% do gasto (51,7m€). O programa de dotación e mantemento de infraestruturas e equipamento conta cun orzamento de 23,7 m€, un 10% do total. Para o apoio ao alumnado e a docencia destínanse 9m€, o 4% do total, incluíndo preto de 4m€ para innovación educativa e 3,3m€ para internacionalización. A dotación para os centros representa o 2% do total do orzamento, 3,8 m€, un 1% para a dotación de fondos bibliográficos (2,2 m€). Complétase o cadro con 1,2 m€ para actividades de extensión universitaria, tanto culturais como deportivas e de captación. Na sesión, o Consello Social realizou as súa achegas e suxestións respecto das normas de execución deste orzamento.
Tras o informe do reitor e do presidente do Consello Social, durante o pleno, Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, expuxo ante os seus membros unha radiografía da matrícula na institución académica na que destacou a súa positiva evolución. Así, neste curso 2024/2025, o total de alumnado matriculado na Universidade de Vigo ascende a 20.148 persoas, 16.041 en titulacións de grao; 2.078 en mestrado; 1.472 en doutoramento e 557 no Programa Universitario Maiores. Por campus, 10.729 están no de Vigo; 5.189 no de Ourense e 4.230 no de Pontevedra. Entre outros moitos datos, a responsable académica destacou que este curso académico a taxa de ocupación das prazas de novo ingreso nos graos foi do 105%, sendo 3.836 as ofertadas e 4.011 as cubertas. Esta cifra en mestrado (con 1.733 prazas ofertadas e 1.368 cubertas) foi do 79% e en doutoramento (con 529 prazas ofertas e 314 cubertas) o 59%.
Ademais dos orzamentos e a radiografía da matrícula na UVigo, outros temas abordados neste último pleno do ano foron o orzamento do Consello Social para o exercicio 2025 e a estimación do peche do exercicio 2024; a extinción do mestrado universitario en Industria 4.0 e a aprobación da creación e participación da Universidade de Vigo no capital social da spin-off Serenia.
Remata así a súa tramitación tras pasar polo Claustro e o Consello de Goberno
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL