Co obxectivo de converter as rúas e prazas de Vigo nun laboratorio aberto a toda a cidadanía, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO) impulsou por primeira vez en 2023 CinVigo, un festival divulgativo no que se insería unha feira científica na que presentaron os seus proxectos máis de 200 alumnas e alumnos de ESO e bacharelato. Entre eles, estudantes do Colexio Montecastelo, que o pasado mes de abril lograban o galardón do público nesta feira grazas ao seu proxecto Energy Step & Energy Window. O premio, poder gozar unha estadía de varias xornadas no CINBIO, que iniciaban este mércores e que lles permitirá coñecer de primeira man o traballo desenvolvido por diferentes grupos de investigación.
Tras obter a máxima puntuación nas votacións que as persoas visitantes efectuaban a través dunha aplicación, os gañadores deste premio popular iniciaban nesta xornada unha serie de visitas coas que o CINBIO busca tamén estimular a súa vocación científica. Tras unha benvida a cargo da xestora do centro, Noa Caramés, o estudantado visitou o laboratorio do Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), onde puideron achegarse ao mundo das nanopartículas a través dun coloquio e da realización dun experimento.
A continuación pudieron participar tamén en varios experimentos centrados na síntese de nanopartículas no laboratorio do grupo TeamNanoTech (TNT). Mañá xoves, este percorrido levaraos aos laboratorios dos grupos de Inmunoloxía, Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e Física e Química de Materiais (MCPG), o que lles permitirá achegarse á identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón mediante anticorpos monoclonais, así como realizar varios experimentos con nanomateriais, ondas e luz.
Os centros educativos interesados poderán optar a vivir esta experiencia co seu alumnado inscribíndose antes do 31 de xaneiro na que será a segunda edición de CinVigo, que, baixo o lema de "Ciencia na rúa", desenvolverase os días 20 e 21 de abril e que conta nesta ocasión co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnlogía (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.