O Festival Intercéltico do Morrazo resiste e pecha unha das súas edicións máis simbólicas

Publicidad

Cando un coñece o Festival Intercéltico do Morrazo atópase cunha frase que é toda unha sentenza, unha declaración de intencións. “É o festival máis veterano dos intercélticos de Galicia por ser o único celebrado de maneira ininterrompida dende 1985”. O evento musical de Moaña é o festival da resistencia. O inexpugnable. As gañas de folk poden todo. Neste 2020 puideron coa COVID19 ao cumprir as normas das autoridades sanitarias. Do mesmo xeito que hai tres anos conviviron coa chuvia naquel concerto de Xabier Díaz que xa forma parte da historia.

Nesa memoria colectiva tamén figura a última edición do Festival Intercéltico do Morrazo. A convivencia coa pandemia da COVID19 obrigou a mudar de datas e a apostar por unha programación musical con artistas e grupos do país. A cita saíu adiante, converténdose no mellor exemplo de que a cultura pode ser segura 100%.

O único festival folk que se celebrou este ano en Galicia permitiu gozar de tres propostas galegas. O sábado foi a quenda de Tiruluque, que foron os encargados de abrir o Intercéltico do Morrazo desatando a festa tanto no interior coma no exterior da carpa instalada na contorna o Palco da Música. O sábado, na segunda e derradeira xornada, chegaba o colofón con dobre cita. Pepe Vaamonde e a súa banda ofrecían unha sesión vermú coa que celebraban os seus 20 anos enriba dos escenarios. Xa pola noite, ás 21:30 horas, Leilía pechaba o festival co seu espectáculo “CartarELAS”, co que festexaron as súas tres décadas de música.

O Festival Intercéltico do Morrazo despedía unha das súa edicións máis simbólicas. Esa na que a COVID19 puxo a proba a aposta da organización por sacar adiante o evento e a do Concello de Moaña por a súa aposta pola cultura, materializada na campaña “Non nos canceles” que xurdiu tras o confinamento. A cita musical obrigou a gozar doutra maneira. Nunha carpa con aforo reducido -o máximo eran 300 persoas-, en cadeiras e gardando a distancia de seguridade interpersoal. O evento deixou imaxes para a historia, como esa muiñeira con distancia social que bailaron Xisco e unha das Tanxugueiras durante o recital de Pepe Vaamonde.

Outra das singularidades do Intercéltico do Morrazo foi a súa retransmisión por streaming. De Moaña para o mundo. O folk que amenizou esta fin de semana a contorna do Palco da Música chegou a todo o planeta grazas ao directo realizado na canle do Facebook do festival e da plataforma Tolemias.tv.

Salir de la versión móvil