“A xente está farta e xa é a segunda vez que Fomento ten esta falta de respecto polos gobernos municipais”. Así de directa móstrase Leticia Santos, a alcaldesa de Moaña, en relación ao último plante do Ministerio con relación ás obras de remodelación e ampliación da AP-9 na ponte de Rande.
Esta mañá estaba previsto que os alcaldes de Bueu, Cangas e Vilaboa, a alcaldesa de Moaña e os representantes de Fomento se reuniran para tratar os problemas que están a afectar a circulación na ponte debido as obras de ampliación. Porén, ningún representante do Goberno de España apareceu. Cando todos esperaban fronte a cadeira baleira de Fomento, dende o Ministerio chamaron para anunciar que ninguén acudiría. Eran ás 11:00 da mañá e a reunión xa comezara.
“Este plante súmase ao silencio do Ministerio ante o requirimento que enviamos o pasado mes de febreiro para solicitar unha primeira reunión”, explica Santos. Agora, e ante o que os rexedores do Morrazo cualifican como “burla”, convocan unha concentración urxente da veciñanza.
O domingo, 20 de maio, ás 11:30 horas fronte a igrexa de Domaio, os alcaldes medirán as súas forzas co Ministerio. Dependendo do seguimento poderán facer valer a súa posición. A tensión irá a máis? Aínda que móstranse cautos e esperarán un cambio na postura do Goberno de España, os gobernos municipais avisan que, de non haber cambios, “seguiremos adiante coas mobilizacións” que subirían de nivel.
Pódeche interesar: Vigo, a cidade cercada polas súas vías de comunicación
Que se pedirá nesta mobilización?
As reclamacións de Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa resúmense en tres puntos relacionados cunha mellor regulación do tráfico e o intercambio de información entre as institucións implicadas.
1. Cancelar os traballos nas horas puntas. Os alcaldes piden que se coordine a regulación do tráfico abrindo todos os carrís da ponte nas horas de maior tráfico. “Hai carrís pechados cando non se está traballando nos mesmos”, engaden.
2. Dous carrís de saída. A segunda das reclamacións e manter a dobre vía na saída dende o Morrazo xa que actualmente un dos carrís mantense pechado, obrigando ao uso da vía exterior.
3. Información directa. A última das reclamacións busca que Fomento se comunique directamente cos gobernos municipais informando puntualmente da situación das obras e do plantexamento as mesmas. “Fomento remítenos ás súas notas de prensa e non é normal”, denuncia a rexedora de Moaña. Así, os concellos morracenses piden que “se especifiquen os traballos que quedan por facer (a terceira fase das obras) e as datas nas que se acometerán.
Moaña xa plantou á Xunta na inauguración da dúas primeiras fases rematadas da Autovía do Morrazo (7,3 quilómetros) ao non seren atendidas as reclamacións da veciñanza. O goberno municipal denuncia que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) se nega a reparar os problemas causados polas obras da mesma, especialmente en Meira, e a solucionar os problemas dunha deficiente canalización das augas que está a provocar inundacións tras seren reconducidas a través dun pequeno regato existente que non é quen de asimilar o caudal en momentos de chuvias intensas.