O Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026, a folla de ruta que blinda os orzamentos destinados á universidade pública galega dos vindeiros cinco anos, eleva ata os 400 millóns de euros os fondos destinados a investigación, o que supón un 41% máis que no anterior plan (2016-2020). Así o anunciaron este martes o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores das universidades de Vigo (Manuel Reigosa), Santiago de Compostela (Antonio López) e A Coruña (Julio Abalde) tras a reunión do Consello Galego de Universidades, unha xuntanza na que se informou favorablemente dun plan que mobilizará máis de 3200 millóns de euros no vindeiro quinquenio, “a maior achega feita nunca pola Xunta”, tal e como se destacou desde a Consellería de Educación. O documento continuará agora a súa tramitación no Consello da Xunta.
“Falando en termos de país este é un acordo magnífico porque vai significar que as tres universidades galegas van ser aínda mellores e van poder afrontar o futuro dos vindeiros cinco anos con moita tranquilidade, con menos incertezas e coa capacidade de programar ese futuro”, salientou o reitor vigués, Manuel Reigosa, quen non dubidou en afirmar que aínda que os retos para os vindeiros anos son “numerosos”, afrontaranse coa “suficiencia financeira” que garante un plan, “herdeiro dos anteriores, pero que incrementa as achegas de xeito notable”.
Neste incremento do esforzo financeiro fixo tamén fincapé o conselleiro Román Rodríguez. “A través deste investimento sen precedentes buscaremos seguir construíndo a universidade que queremos, a universidade da Galicia do futuro, que aposte pola internacionalización, por establecer sinerxías co mundo laboral e que poña o foco en valores como a sustentabilidade social e medioambiental”, afirmou Rodríguez. Desde o seu punto de vista, o plan “mantén como principios reitores a estabilidade financeira, suficiencia, eficiencia e equidade institucional” e “asume como obxectivo estratéxicos a mellora da calidade da docencia, da oferta e da capacidade investigadora das universidades“. Nesta liña subliñou tamén que as universidades galegas están a recibir un financiamento por alumno moi superior á media nacional, co 0,71% do PIB, o que sitúa a Galicia como a terceira comunidade autónoma de toda España, moi por riba do 0,58% da media nacional.
Entre as novidades do plan, salientouse a súa estrutura en dous grandes fondos. O primeiro deles, Financiamento non condicionado, inclúe as partidas para garantir o normal funcionamento das universidades, de xeito que non estará afecto á realización dunha determinada actuación de gasto ou de investimento, senón que serán de plena disposición das universidades. Por outra banda, o Financiamento da Investigación comprende as partidas vencelladas a I+D+i e a transferencia, cuxos créditos deberán ser utilizados polas universidades en medidas de gasto ou de investimento para esta finalidade concreta.
Outro dos fitos do novo plan é, segundo se destacou tras a reunión do Consello Galego de Universidades, a creación dun novo subfondo, dentro do fondo de Financiamento non condicionado, denominado Plan de estabilidade financeira, eficiencia e mellora estratéxica, dotado no primeiro ano de vixencia do plan con máis de 14 millóns de euros, dirixido a fomentar nas universidades galegas a toma de decisións estratéxicas que incrementen os niveis de calidade e competitividade, mediante a consecución de obxectivos cuxa evolución será obxecto de seguimento anual. Os obxectivos iniciais deste subfondo pasan pola optimización da oferta docente, polo reforzo institucional dos centros de investigación con recoñecemento da Xunta de Galicia (centros CIGUS) ou pola elaboración e publicación dunha contabilidade analítica, entre outros.
Dentro do mesmo capítulo de Financiamento non condicionado, o conselleiro destacou tamén a creación do subfondo Gasto corrente e mantemento de infraestruturas, dotado con 28,3M€ anuais, e estruturado en dous compoñentes: gasto corrente e gasto de capital, para que cada unha das universidades poida facer fronte ao custo básico de funcionamento e mantemento das instalacións e infraestruturas. O reparto deste fondo basearase, segundo explicou o conselleiro, en datos de persoal, alumnado matriculado en titulacións oficiais e superficie construída. A este subfondo engadirase a creación dun programa de investimentos en materia de infraestruturas en edificios singulares das universidades, que contaría xa en 2021 cun adianto de 4,5M€ vencellado a melloras de eficiencia enerxética, e que se comezará a impulsar a inicios de 2022.
No que se refire ás cuestións relacionadas co principio de transparencia, o documento inclúe un apartado de rendición de contas, cun cadro de mando que reflectirá os resultados globais das universidades públicas galegas nas súas principais áreas de actuación. A través deste cadro de mando informarase á sociedade do cumprimento de obxectivos de financiamento (recursos captados, por exemplo), internacionalización (posición en ránkings, profesorado estranxeiro...), relación entre universidade e empresa (spin offs, graos duais, ingresos xerados en I+D), docencia innovadora (taxas de idoneidade, gradación, cambio ou abandono), investigación avanzada (número de teses, publicacións, patentes...) e responsabilidade social (número de mulleres no Persoal Docente Investigador, egresados traballando en Galicia ou esforzo de apoio ao estudantado).
“Deste xeito –explicou o conselleiro–ponse a dispor da sociedade galega unha panorámica dos principais valores e tendencias das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que non é outra cousa que dar a coñecer os resultados acadados polas tres institucións universitarias públicas cos fondos, tanto públicos como privados, dos que dispoñen para o desenvolvemento das súas misións”. Nesta liña o reitor vigués explicou que as universidades están acostumadas a “facer os deberes” e neste plan hai toda unha serie de fitos que se marcan e que incrementarán tamén a transparencia das universidades “de xeito que a cidadanía saiba perfectamente en que se invisten os cartos” e poida así, “estar orgullosa deste sistema universitario como o estou eu”.
Con sentidas palabras de agradecemento para o falecido conselleiro Valeriano Martínez, que iniciou o plan, o reitor vigués quixo facer fincapé no marcado carácter de consenso co que foi realizado este documento, tanto por parte dos equipos das consellerías implicadas, como das tres universidades. “Todo o mundo fixo esforzos para que o novo plan sexa bo e nos marque un futuro máis brillante para o sistema universitario público galego” e, nesta liña, Reigosa indicou que as universidades galegas, dentro da coordinación coa que están a traballar, van “pegar un empurrón e facer as cousas mellor”. Salientou tamén Reigosa a importancia de que o documento fose aprobado por unanimidade no que aos participantes das consellerías e as universidades se refire.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL