O mercado laboral é un dos principais escenarios nos que se materializa e se reproduce a desigualdade de xénero. Se á condición de ser muller se lle une ademais a de ser migrante, os retos multiplícanse na loita pola igualdade. Neste contexto, o proxecto europeo Worldplaces, no que participa un grupo multidisciplinar de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, aposta polo fomento da integración laboral das mulleres migrantes a través da creación de redes de mulleres. A hindú Priya Ghosh é a primeira "embaixadora" desta iniciativa na UVigo.
O proxecto Worldplaces. Workplaces working for women's integration está financiado pola Comisión Europea a través da Convocatoria AMIF-2020-AG-CALL (Transnational Actions on Asylum, Migration and Integration). Cun orzamento total de arredor dun millón de euros, na iniciativa participan xunto á UVigo entidades de Grecia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia e Austria, sendo liderada pola Cooperativa Sociale Quid de Verona (Italia). No caso da Universidade de Vigo, participa a través de atlanTTic persoal docente e investigador da Facultade de Educación e Traballo Social; da Facultade de Filoloxía e Tradución e da Escola de Enxeñería de Telecomunicación. Coordinado polo catedrático Manuel Fernández, o equipo de Worldplaces na UVigo está integrado por Pino Díaz; Carmen Ricoy; Edita de Lorenzo; Maribel del Pozo, Íñigo Cuíñas; Enrique Costa; Manuel Caeiro e Joseba Delgado.
Rede local sostible e permanente
O obxectivo a medio prazo deste proxecto, que acaba de comezar a súa andadura de tres anos, é "crear unha rede local sostible e permanente, a rede Worldplaces-Workplaces Working for Migrant Women Integration". A misión desta rede será "proporcionar un marco virtual, escalable e específico para o ecosistema, para que o sector público, as organizacións sen ánimo de lucro e os empregadores con ánimo de lucro, desenvolvan e compartan as súas experiencias e os empregadores con ánimo de lucro desenvolvan e compartan as mellores prácticas que fomenten a integración das mulleres inmigrantes pouco cualificadas a través do lugar de traballo". A rede dirixirase a sete países do consorcio e desenvolverase noutros catro países na primeira metade da acción.
Este reto apóiase en diferentes iniciativas a máis curto prazo. Entre elas, está o deseño e a pilotaxe de catro boas prácticas replicables dirixidas a 300 mulleres migrantes. "As boas prácticas xirarán ao redor das necesidades de integración no lugar de traballo, abarcando diferentes aspectos clave que son relevantes para a integración das mulleres migrantes na vida laboral: aprendizaxe permanente, formación e liderado; habilidades brandas para a vida e a comunidade; lingua e cultura e sentido de si mesma e identidade", apuntan desde a organización. Estes proxectos e medidas concretas, aplicados a nivel local nos diferentes centros de acción, codificaranse nun proceso que pretende involucrar a máis de 600 actores locais (80% mulleres, 60% inmigrantes) a través de metodoloxía a medida de design thinking, compromiso e participación.
A readaptación e a difusión destas boas prácticas levarase a cabo entre as organizacións sen ánimo de lucro, os empregadores con fins de lucro e socios públicos con polo menos 30 sesións de formación interactivas e experienciais, así como actividades e talleres aproveitando as boas prácticas experimentadas. A través da rede Worldplaces, o consorcio pretende involucrar directamente a 30 empregadores con fins lucrativos e catro autoridades locais para alcanzar un total de 250 profesionais da integración, empregadores e funcionariado. A pilotaxe, a readaptación e a difusión destas iniciativas, sinalan as e os seus responsables, "concorrerán para aumentar tanto a inclusión socioeconómica como a de comunidade para as mulleres migrantes que participan no deseño dos programas e que se benefician deles". Ao mesmo tempo, o programa pretende sensibilizar sobre as barreiras ás que se enfrontan as mulleres inmigrantes para acceder e progresar no mercado laboral.
A rede Worldplaces quere ser "a primeira rede internacional que reúne ás dúas metades do mundo laboral feminino: as que acceden a un novo mercado laboral e as que xa están nel". Neste contexto, o equipo multidisciplinar da UVigo que participa na iniciativa centrará o seu traballo en tarefas como o deseño, a aplicación e a pilotaxe de ferramentas de liderado e emprego inclusivo; de ferramentas de mediación lingüística e cultural e de ferramentas para a vida laboral, a familia e a comunidade.
Exemplo en primeira persoa
Priya Ghosh, de Bengala (India), é a primeira migrante que participa na UVigo nesta iniciativa como "embaixadora". Chegou hai dous anos a Ourense coa axuda do seu marido e dun docente da Universidade de Vigo que visitaba con asiduidade a súa universidade en India. "Sempre quixen estudar fóra para saber máis sobre as diferentes culturas. Cando cheguei, o máis difícil para min foi poder adaptarme ao idioma, vestimenta, temperatura, comida... de aquí. Moitos días remataba o día con dor de cabeza, pero agora estou moi feliz e cada día aprendo máis", explica.
Tras acadar no seu país de orixe o título de Traballo Social na Universidade Internacional Visva-Bharati de Santiniketon, Priya Ghosh estuda na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense o Mestrado Universitario en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos. As prácticas deste mestrado, apunta, permitíronlle conseguir un pequeno traballo nunha escola de Ourense. O seu desexo, agora, é seguir estudando o doutoramento na Universidade de Vigo, institución á que agradece todo o apoio recibido, e aprender a lingua galega. No futuro, sinala a estudante, "gustaríame poder quedar en España e traballar nun colexio ou nunha oenegué, xa que quero axudar ás persoas. Non teño claro se será fácil pero loitarei para conseguilo".
"Como muller, en India a nosa situación non é a desexable. Por exemplo, todas as miñas amigas están xa casadas e coidando aos seus fillos e fillas como amas de casa. Eu quería facer algo diferente, por iso emigrei a España. Aquí atopei máis liberdade e apertura mental, así como moitas vantaxes para poder estudar", relata Priya Ghosh. Coa bagaxe da súa experiencia, subliña que está "moi feliz de poder ser embaixadora dentro do proxecto Worldplaces-Workplaces Working with Migrant Women” e poder axudar co seu exemplo á integración de outras mulleres migrantes.
"Priya Ghosh chegou sen falar nada do idioma e cos recursos da Universidade apoiámola nos trámites necesarios para integrarse nun mestrado aquí. Estudamos con ela cales eras as súas competencias, fortalezas e formación, os puntos fortes que lle podían axudar á súa integración. O mestrado axudoulle nesta integración, primeiro no contexto académico e social e a raíz das prácticas ten no Colexio de Maristas un primeiro pequeno contrato. Ela representa un pouco o itinerario que nós queremos favorecer nas mulleres ás que está destinado este proxecto", explican desde Worldplaces.