O Goberno socialista de Redondela adiantou este venres a súa intención manter aberta a “vía do diálogo e traballo conxunto” para sacar adiante os Orzamentos de 2022, logo de que as contas municipais foran rexeitadas no Pleno de onte cos votos en contra do BNG e Partido Popular, fronte ao voto favorable de PSOE e AER.
Dende o Goberno local, a alcaldesa, Digna Rivas, insiste en que as contas que onte se levaron a Pleno buscaban “prestar especial atención ás persoas que precisan da axuda pública para poder seguir desenvolvendo a súa vida de xeito digno trala crise da Covid”. A rexedora sinala que, de non lograr aprobalas no futuro, estaría en perigo o "benestar de moitas familias" ante a imposibilidade de potenciar servizos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que “pasaban dos 550.000 euros do orzamento do PP do 2018 aos máis de 1.300.000 euros que destinamos neste 2022”.
A rexedora considera “absolutamente irresponsable” a postura do PP redondelán ao que acusa de estar "en modo eleccións“. "No seu afán por desgastar a este Goberno –engade a rexedora local– os populares votaron en contra das axudas ás Comunidades de Augas, á dinamización do comercio e ao incremento das partidas destinadas a Benestar Social”.
Pola súa parte, o concelleiro do PP, Iván Crespo, defendeu que os orzamentos “ignoran a realidade” do ano 2022 e defendeu que “se fixeron ás costas” do grupo popular -maioritario no Pleno- para criticar a falta de diálogo do Goberno local. "Son uns orzamentos cun claro afán recaudatorio", afeou Crespo para defender o voto negativo do PP.
Pese ao voto en contra dos nacionalistas, Rivas puxo en valor o traballo realizado polo BNG, con reunións case que semanais, de cara a tratar de chegar a un acordo. O voto en contra da formación foi causado pola negativa do Goberno a modificar o proxecto das pistas de atletismo. "Presentóusenos tan so 24 horas antes do Pleno, cando xa non había capacidade de manobra”, xustifica Rivas.
"Hai moitísimas cuestións que quedaron no tinteiro, era unha oportunidade conseguir a abstención do BNG modificando o proxecto das pistas de atletismo", lamentou pola súa parte o portavoz nacionalista Xoán Carlos González durante o Pleno. Por último, o voceiro de AER, Roberto Villar, defendeu o apoio da formación aos orzamentos despois do acordo co Goberno local. "Vén dun borrador no que se traballaba en 2021", expresou para asegurar que "por responsabilidade" decidiron votar a favor.
O Goberno local debe agora buscar de novo o apoio ou abstención dos orzamentos por parte do BNG para lograr aprobalos nun novo Pleno.