O PSOE de Vigo rexeita no pleno a moción para opoñerse aos novos recheos do Porto

A moción do BNG vigués para que o Concello de Vigo amose a súa oposición frontal a máis recheos na ría de Vigo proxectados pola Autoridade Portuaria non saíu adiante ao votar en contra o PSOE. O grupo municipal socialista quixo modificar o texto da moción presentado pola fronte nacionalista. Non quería falar de proxectos concretos, senón de recheos en xeral. O concelleiro Xabier Pérez Igrexas negouse ao considerar que se incumpría o regulamento do pleno.

A negativa a tocar ese texto da moción levou ao PSOE de Vigo a votar en contra. A proposta da fronte nacionalista si contou co apoio dos dous concelleiros de Marea de Vigo. O BNG levou esta oposición a novos recheos na ría de Vigo ao pleno celebrado este mércores. Pérez Igrexas destacou que esta proposta foi realizada pola Plataforma de Defensa da Ría de Vigo “Cíes”.

A iniciativa pretendía que as forzas políticos que conforman o Concello se posicionasen de maneira “clara e rotunda” en contra de que se practiquen novos aterramentos. No concreto, demandaban que a Corporación viguesa instase ao Porto de Vigo que preside Enrique López Veiga a anular os recheos anunciados publicamente como son a ampliación da terminal de Bouzas, o recheo no Areal, o de Rande, o proxectado a carón da lonxa do Berbés “é calquera outro no ámbito litoral da ría de Vigo”.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, destacou que “a Autoridade Portuaria pretende levar adiante recheos sen ter en conta cuestións ambientais” e apuntou que os proxectos da institución que preside López Veiga “poñen en risco a ría de Vigo e o sector produtivo e industrial na nosa cidade”. Pola súa banda, o PP evitou ofrecer a súa posición cos plans do Porto de Vigo e abstívose na votación.

O BNG de Vigo considera chave apostar polo desenvolvemento “racional e sustentábel” do Porto, para o que esixen que toda a superficie portuaria estea ocupada só por instalacións ligadas a actividade portuaria e tamén a que se impulse o porto seco na PLISAN e se conecte con ferrocarril a terminal de Bouzas. “O porto de Vigo é un importante motor económico e produtivo para a cidade, pero queremos que se desenvolva desde o máximo respecto ambiental e con racionalidade na planificación”, explicou Igrexas lembrando que, na actualidade, a Autoridade Portuaria carece de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios e de Plan Especial.

Igrexas cuestionou no anuncio da moción estes proxectos de recheo que carecen de toda xustificación e que constitúen “unha clara agresión ambiental contra un ecosistema de enorme valor”, en alusión á ría, “Vigo xa lle gañamos ao mar con cemento máis de 3 millóns de metros cadrados. O tempo dos recheos rematou”, expresaba o portavoz nacionalista.

Salir de la versión móvil