A sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima o recurso de casación cursada polo Concello de Mos e ven de confirmar así o ditame anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declaraba ilegal a construción da Cidade Deportiva do Celta en montes comunais da localidade.
Con esta sentenza a Comunidade de Montes de Tameiga declárase “satisfeita ca resolución do Tribunal Superior que reafirma a ilegalidade das licenzas concedidas polo concello de Mos para a construción da Cidade Deportiva do Celta”. Lembran que o “Goberno local de Mos permitiu o despropósito urbanístico da construción dun edificio de case 3.000 metros cadrados , cando pola cualificación do solo rústico de especial protección, só podían construírse uns pequenos vestiarios e almacéns”.
“A cidade deportiva é ilegal. A sentenza é firme. Agardamos que pronto se execute a sentenza e restitúa a legalidade urbanística” declara Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. Dende a comunidade de montes destacan que tamén Ecoloxistas en Acción, a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga e tanto o Partido Socialista como o BNG “instaron á xustiza a actuar contra este despropósito urbanístico do goberno local de Mos en montes comunais”.
Ademais subliñan que “se fala sempre dunha cidade deportiva e que renunciaban ao macro centro comercial, pero no proxecto Galicia Sport 360 que presentou o presidente de Celta, Carlos Mouriño, quedounos claro que é un proxecto da industria do ocio e que os campos de fútbol son a escusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construír un complexo de hoteis, restaurantes, cafeterías e xogos recreativos”.
Dende o Concello de Mos, a través dun comunicado enviado aos medios, sinalan que aínda que o TSXG inadmitiu o recurso de casación da administración local isto "non supón a ilegalidade da Cidade Deportiva, pois esta atópase amparada polo Plan Especial de Dotacións en vigor". Así, aseguran que "as devanditas obras atópanse amparadas legalmente polo Plan Especial aprobado e en vigor desde setembro de 2022". Coa aprobación definitiva da modificación urbanística fai sete meses está "amparada a legalidade da Cidade Deportiva Afouteza, na que non inflúe a inadmisión do recurso de casación ao Concello de Mos", destacan.