Máis de 80.500 galegas e galegos menores de 21 anos xa viaxan de balde no transporte público da Xunta coa tarxeta “Xente Nova”. O Goberno galego, ademais, acaba de estender a gratuidade deste servizo a todos os concellos da xeografía galega. A extensión, que entrou en vigor o pasado venres 21 de maio, supón que calquera persoa con menos de 21 anos que dispoña da “Xente Nova” poderá facer ata 60 viaxes de balde ao mes no transporte público interurbano por toda Galicia, no transporte de ría que conecta Vigo con Moaña e Cangas e no ferrocarril de vía estreita da área de Ferrol. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, puxo en valor a universalización da gratuidade do transporte público que xestiona a Xunta para a xente máis nova. “Dende Ortigueira a Vigo, desde A Guarda a Verín, desde calquera dos 313 concellos de Galicia a calquera outro, sen que lles coste un só euros, gratis”, sinalou.
A tarxeta pode adquirirse en calquera das 213 oficinas que Abanca ten habilitadas nas catro provincias galegas. Para empezar a empregala será preciso cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se abonarán as viaxes e, posteriormente, será reintegrado no dispositivo. As persoas interesadas en coñecer as rutas e os horarios que forman parte deste servizo gratuíto que ofrece a tarxeta “Xente Nova” poden acceder á web bus.gal (premer aquí). Ademais, nesta plataforma tamén se poden coñecer outras vantaxes da tarxeta ou a dirección das sucursais de Abanca onde poder solicitar a expedición deste dispositivo.
Hai que lembrar que a tarxeta Xente Nova permite realizar ao mes un total de 60 viaxes interurbanas de balde. A recarga pode realizarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático a través da banca móbil ou electrónica da entidade bancaria.
Arestora, a área de A Coruña alberga o maior número de dispositivos expedidos, contabilizándose case 23.480; seguida da de Vigo, con case 17.610 tarxetas distribuídas; e Santiago, con preto de 12.350. Na área de Ferrol, máis de 9.750 rapaces dispoñen desta tarxeta; na de Pontevedra, preto de 5.480; e na de Ourense, máis de 2.900.
Grazas a esta iniciativa a mocidade usuaria do transporte público de Galicia está a experimentar un importante aforro económico nos seus desprazamentos. Así, unha moza de Verín que estude na cidade de Ourense pode viaxar gratis todo o curso, fronte á situación anterior na que debía abonar un prezo por viaxe de 4,55 euros, uns 200 euros ao mes. Actualmente a familia desta moza benefíciase dun aforro de case 1.800 euros nos nove meses lectivos.
A extensión da tarxeta “Xente Nova” a toda Galicia presentábase de forma oficial o pasado venres 21 en Noia. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, remarcaba no acto que con esta medida garántese “o dereito de todos os cidadáns á mobilidade e o seu acceso aos servizos esenciais, ao tempo que se dilúen as fronteiras entre a Galicia urbana e a Galicia rural”. O líder do Executivo galego concluía a súa intervención destacando que a tarxeta é unha “ferramenta para promover a Galicia moza, familiar, verde e sostible”.
Esta iniciativa súmase á modernización e redefinición dos servizos de transporte por estrada impulsada pola Xunta de Galicia, co novo Plan de Transporte Público de Galicia que aborda descontos e políticas activas de prezos máis potentes para toda a cidadanía con bonos mensuais ilimitados. O Goberno galego continuará afondando nuns prezos máis económicos para toda a cidadanía coa nova Área de Trasporte de Galicia, que levará a toda a Comunidade os beneficios que xa gozan nos concellos da contorna das cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, a través do uso da tarxeta TMG.