Os redondeláns apostan polo Xoves da Coca como festivo local

Máis de 2.200 persoas participaron na enquisa lanzada polo Concello de Redondela para coñecer a opinión da veciñanza sobre a súa preferencia para festivos locais. A consulta popular, que estivo aberta entre o 15 de xullo e o 15 de agosto, foi a primeira qu o Concello fixo para coñecer a opinión sobre algún tema. O Concello preguntou sobre dúas cuestións: a peonalización das rúas do centro e os festivos locais.

Na enquisa sobre os días Festivos Locais participaron máis de 2.200 persoas, sendo a opción maioritaria a presentación da enquisa no rexistro do Concello de Redondela con mais de 1.700 votos, mentres que máis de 510 persoas cubriron a enquisa de modo telemático. Neste sentido hai que destacar que o Presidente da Irmandade do Santo Cristo dos Navegantes presentou no rexistro do Concello 1.487 enquisas cubertas polos veciños e veciñas de Redondela.

A opción máis votada foi a do Xoves da Coca, con 2.124 votos, mentres que o Luns do Cristo obtivo 1.870 votos. Séguelle o Martes de Entroido con 287 votos e o San Xoán, con 129.

Analizando o resultado pode extraerse que a práctica totalidade das persoas que cubriron a enquisa marcaron o Xoves da Coca como día festivo, pero hai diferenzas entre a enquisa presencial, presentada no rexistro do Concello e a enquisa telemática en canto ao segundo día festivo, posto que na enquisa presencial o segundo día foi o Luns do Cristo, mentres que na enquisa telemática o segundo festivo mais votado foi o Martes de Entroido.

A enquisa non é vinculante e deberá ser agora o Pleno do Concello o que fixe os festivos locais para o ano 2021.

No referente a enquisa sobre o peche das rúas Alfonso XII e Rúa Ribeira, opinaron un total de 504 persoas, das cales 284 están a favor e 220 consideran que a rúa non se debe pechar.

Salir de la versión móvil