Pesar na Universidade de Vigo pola morte de José García-Calvo, coordinador dos roteiros culturais

Publicidad

“Onde está, que non a atopo,
esa patria tan ben feita?
Eu vou polo mundo adiante
camiñando detrás dela...”

Estes versos de Celso Emilio Ferreiro están ao pé da magnolia que José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros culturais da Universidade de Vigo, plantou o pasado mes de novembro nos xardíns do campus de Ourense. Foi na celebración dos 25 anos das andainas universitarias. Cun cancro xa avanzado, ese acto foi tamén unha homenaxe a el e a súa despedida da comunidade que ao longo destes anos teceu ao seu redor. Eses versos foron os escollidos polos seus compañeiros da UVigo para homenaxear a súa figura. Este luns José García-Calvo faleceu e a comunidade universitaria súmase ao pesar de familiares, amizades e cantos o coñeceron.

Willy, destaca o seu amigo Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense, “naceu namorado do mundo” e a súa “gran debilidade eran as persoas”. Así, lembra, era xeneroso, acolledor, agradecido, entusiasta e sobre todo apaixonado da vida, “unha persoa moi popular e moi querida por méritos propios” tanto dentro como fóra da comunidade universitaria. “Foi coronel en praza en todas as facetas da vida, honesto e exemplo de valor e dignidade, sal de todas as conversas, explorador da vida en maiúsculas, inimitable e irrepetible, que tivo a familia como a súa razón de ser, o amor como a súa palabra, a paixón como o seu xeito de vivir e a palabra amigo como a súa forma de perpetuarse en nós”, subliña Rodrigo Alberte.

Foto de grupo da celebración dos 25 anos de rutas universitarias, con Willy no centro da imaxe // UVigo
Salir de la versión móvil