Piden aproveitar o "vento a favor" en Bruxelas para pór en marcha un tren de cercanías no Miño

Publicidad

O Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Río Miño comezou este xoves en Tui poñendo sobre a mesa o debate sobre a necesidade e viabilidade da creación dun tren de proximidade transfronteirizo na zona do Miño. E fíxoo con "boas expectativas", segundo indican dende a Deputación, xa que os comisionados do Goberno do estado para o desenvolvemento dos corredores ferroviarios Atlántico e Mediterráneo subliñaron que é un “momento extraordinario” para reclamar “de maneira máis belixerante” o ‘cercanías’ xa que “hai vento a favor en Bruxelas”, posto que dende a UE quérense solucionar os treitos transfronteirizos e ademais unir os nodos urbanos de máis de 100.000 habitantes (Vigo-Oporto).

A xornada do Foro comezou co saúda do director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, o director da Fundación CEER Ángel Miramontes e o acalde de Tui Enrique Cabaleiro. O nacionalista destacou na súa intervención que "é moi necesario que os gobernos centrais en Madrid e Lisboa teñan unha visión global do territorio que supere a actual centralizada, para dar resposta á realidade social e económica do territorio miñoto, que é dinámica e vai por diante dos deseños de infraestruturas políticas existentes".

Neste sentido, Benítez defendeu que é "necesario aproveitar as infraestruturas existentes na rede convencional" para, con algúns investimentos, dar unha solución de proximidade á veciñanza usuaria na contorna do Miño. “Agardemos que ese tren sexa factible, porque hai demanda e necesidade social, xa que afondaría na calidade de vida da cidadanía e axudaría a desenvolver economicamente o territorio”, subliñou.

Despois da apertura institucional foi a intervención dos comisionados do Goberno para os corredores ferroviarios no estado, figuras que velan por dar coherencia aos proxectos pluriterritoriais estudando as escalas e as interaccións entre os treitos ferroviarios.

O comisionado do Goberno para o desenvolvemento do Corredor Atlántico en ADIF (Ministerio de Fomento) José Antonio Sebastián Ruíz, explicou que "afortunadamente Galicia vaise incorporar no Corredor Atlántico", algo que definiu como "esencial".

"Boas novas do corredor Vigo-Oporto"

Ruíz tamén anunciou que nestes momentos hai "boas novas con respecto ao corredor Vigo-Oporto". Destacou que a finais de 2024 coñecerase o estudo sobre cal será a conexión de Vigo para a súa saída sur, e salientou tamén que haberá datos sobre o estudo de uso da liña: sobre a funcionalidade, a demanda, a necesidade dunha nova ponte sobre o Miño, o modelo de explotación e o custe-beneficio que tería o servizo no corredor.

Destacou tamén que a renovación do treito ferroviario convencional na zona sur galega está bastante avanzada, ao igual que acontece coa parte portuguesa. Adiantou, así mesmo, que Renfe vén de solicitar ao Goberno portugués licencia para operar en Portugal ao igual que vai facer en Francia en breve, posibilitando un tren transfronteirizo máis alá do Miño. “Isto é unha boa nova hoxe? Non, pero si o será cando teña a licencia, que supoñemos será a finais deste ano ou principios do que vén”.

Pola súa parte, o comisionado do Corredor Mediterráneo, Josep Vicent Boira, explicou a experiencia de conexión transfronteiriza de España con Francia. Sinalou que xusto este mércores Renfe anunciou conexións transfronteirizas que chegarán ata o norte de Lyon e Marsella, pero que tamén beneficiarán a cidades intermedias como Perpiñán, Montpellier ou Narbona, algo que podería ser replicable no territorio do Miño.

Segundo insistiu, débese “aproveitar o momento para plantexar debate -sobre a liña do Miño- porque é o oportuno, xa que hai grande vontade política de Europa de resolver os treitos transfronteirizos. Tense o vento a favor dende a Comisión Europea en Bruxelas”. Sinalou, neste sentido, que todo proxecto que queira ter éxito deberá adaptarse á rede europea de transportes e traballar conxuntamente “non só en Madrid e Lisboa, Santiago e Oporto, senón tamén en Bruxelas”.

“Eu manifesto o total apoio a estas iniciativas porque o futuro de Europa será un futuro no que o mapa auténtico non será o mapa radial que tradicionalmente tiña, con Madrid como kilómetro cero, senón que será un mapa diferente que nos unirá co resto de estados europeos como pasa en Oporto ou Vigo creando unha rede transeuropea de transportes”, subliñou, na liña que reclamaba o deputado Uxío Benítez.

En canto á posibilidade de levar adiante investimentos, destacou que dado que Europa deseñou unha rede de transportes transeuropea que agora está en revisión , hai vontade política e económica de levar adiante melloras. “Gastáronse máis de 27.000 millóns de euros en desenvolver a rede europea e anúnciase unha nova partida económica para estes anos ata o 27-28 coa idea de que en 2030 a rede transeuropea de transportes estea finalizada. Por tanto, calquera elemento de referencia nestes momentos que se queira plantexar debe ter en conta este marco temporal e ter en conta o marco financeiro e o marco europeo para o seu desenvolvemento”, destacou, lembrando que poderían solicitarse subvencións para o territorio do Miño.

A xornada deste xoves pechouse con outra mesa de debate, ‘É posible un tren de proximidade transfronteirizo? experiencias en Europa’, na que se abordou a implantación de proximidades ferroviarias transfronteirizas noutros espazos europeos. Estiveron presentes Xavier Garcia, Dirección de Cooperación Euromediterránea. Servicio de Cooperación Europea. Liña ferroviaria Niza-Ventimiglia-Cúneo-Turín; e Matteo Berzi, investigador do Centro Común de Investigación, da Comisión Europea, EU Science Hub. Ispra (Italia). ‘Os servizos ferroviarios transfronteirizos entre España e Francia’.

Salir de la versión móvil