Ponteareas continuará ofrecendo concertos gratis das súas bandas de música durante outubro

Publicidad

Este domingo púxose fin ao mes de festas en Ponteareas co concerto de Roi Casal como remate. Os eventos das festas de setembro deron inicio o pasado día 1 aínda que os actos máis multitudinarios e festivos comezaron o día 8 coa lectura do pregón por parte de Xosé Antonio Touriñán, Touri, e celebración da XV edición da Feira Tradicional dos Remedios.

"A organización das festas supuxo un reto para o equipo de goberno", o Concelleiro de Cultura, Ricardo González, quixo destacar a ampla variedade de eventos pensados para todos os públicos, “foron unhas festas extraordinarias, dadas as circunstancias de falta de previsión do anterior goberno por non ter nada programado nin reservado. Aínda así, organizamos dignamente estas importantes festas patronais con actividades para todos os públicos”, destacou.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro mostrouse agradecida, “ademais de ter que preparalas dende cero, non tiñamos con que facer fronte aos custes polo que agradezo moito o traballo de todos os concelleiros, así como da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, e sobre todo, das forzas vivas de Ponteareas, todas as asociacións e clubes que se prestaron a organizar diversos actos”.

O resultado, asegura, “foi un equilibrio de música e deporte locais e eventos para todos os públicos, cos que puidemos celebrar as festas que, a tenor da cantidade de xente nas rúas, foi unha das edicións con mellor acollida polos veciños e veciñas, e pola xente que nos visita, dos últimos anos”. De feito, Castro confirmou que debido ao “éxito do ciclo O Son do Tea - As Nosas Bandas, e coa axuda da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o ciclo prorrogarase durante todo o mes de outubro”, sinalou.

Entre os diferentes eventos destacaron os orientados aos máis pequenos con Uxía Lambona ou O león azul e varios obradoiros, á música tradicional co LV Concurso de Gaita, a gala Lírica Soutullo na Ialma, co barítono Luís Cansino, a soprano Teresa Novoa e o tenor Juanjo Cura, ou o musical Camiñantes e Cantantes, sen esquecer a Roi Méndez, Roi Casal, Familia Caamagno ou o festival Urbano O Son do Tea e diversas orquestras.

O concelleiro de Deportes, Francisco Represas, mostrouse satisfeito coa implicación do pobo en todos os torneos, probas e exhibicións que se levaron a cabo neste mes “de tenis a xadrez, pasando por hockey, atletismo, fútbol ou ciclismo, así como a etapa final do circuíto galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas ou a carreira pedestre Ribeira do Tea, todos confirman a boa saúde do deporte de base e senior, en Ponteareas” asegurou.

Salir de la versión móvil