Pontón pide en Vigo “facer historia”: "Hai fame de cambio aínda que pensaban que estaba confinada”

Publicidad

A cidade que fai cinco anos deixou ó BNG fora da corporación municipal converteuse hoxe na que lle deu un dos mitins máis multitudinarios desta campaña electoral. A candidata do BNG, Ana Pontón, visitou este xoves Vigo para chamar ás viguesas e vigueses a “facer historia” e rematar coa aposta de “máis do mesmo” do Goberno de Núñez Feijóo.

Nunha cita na dársena da Laxe na que Pontón fixo un recoñecemento “ás persoas traballadoras que nos sacaron as castañas do lume nos momentos mais duros da pandemia, ás persoas traballadoras dos supermercados, ás xentes do mar, transportistas, profesorado…”, o BNG erixiuse como a “proposta de futuro”.

A Galiza que nos deixa Feijoo e a que entregou caixas a un empresario venezolano que agora saquea ás xentes deste pais”, espetou a candidata nacionalista lembrando a recente subida de comisións de Abanca á vez que asegurou que “estamos nun momento decisivo, as decisión de hoxe van marcar á Galiza dos próximos 20 anos”.

Non faltaron tampouco as mencións a reflotar o sector industrial de Vigo, á necesidade contratar a máis médicos e a máis enfermeiras ou á “censura nos medios públicos nos que se atrincheirou Feijóo”.

Pontón chamou a acabar cun “presidente oportunista” ao que culpou da desfeita de Barreras, Alcoa ou Vulcano. “Hai fame de cambio, crían que estaba confinada pero esta máis viva que nunca”, defendeu no porto vigués Ana Pontón.

O voceiro municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, lembrou “a política de continúo abandono a Vigo de Feijóo” que, segundo expresou, “converteuse na zona cero da desfeita sanitaria, coa construción en xaque e incertezas na automoción”. Pérez Igrexas lamentou asemade “a nefasta xestión do coronavirus”. Liña na que abondou a ex de En Marea, Alexandra Fernández, quen recriminou a privatización dos servizos de asistencia á terceira idade. “O coidado dos nosos maiores son números para un fondo de investimento británico”, aseverou.

No mitin de Vigo, a parlamentaria europea Ana Miranda, o candidato Luis Bará, o deputado Néstor Rego e a secretaria de organización do BNG, Montse Prado, coincidiron en reclamar un Goberno galego liderado por vez primeira polo BNG para “plantarse diante de Madrid” ante o “sucursalismo da esquerda Española”.

Salir de la versión móvil