A portavoz nacional do BNG e líder da oposición en Galicia, Ana Pontón, instou este xoves a Xunta e Goberno central a traballar "man a man" para que a planta de Stellantis en Vigo non quede "fóra" da repartición de fondos do PERTE da automoción, á vez que lle reclamou á empresa un "compromiso" co tecido da industria de compoñentes de Galicia e coa creación de emprego "en condicións dignas".
Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de manter unha reunión coa dirección da factoría viguesa e de realizar unha visita ás instalacións de Balaídos.
Pontón reafirmou o "apoio" do BNG ao sector da automoción, "estratéxico para Galicia", e incidiu que, actualmente, esta industria atravesa un momento de transformación que xera incerteza, pero tamén oportunidades. Por iso, volveu pedir a creación dunha Mesa Galega da Automoción para "enfrontar con garantías o proceso cara o vehículo eléctrico" e fortalecer a posición de Galicia tanto na produción como na innovación. "É o momento de poñernos a traballar en serio", apostilou.
Por outra banda, trasladou a "preocupación" dos nacionalistas por que a planta viguesa, unha das máis produtivas de Europa, quede "excluída" das axudas do PERTE, e pediulle ao goberno galego e ao central que traballen "man a man" para garantir que eses fondos non deixen "fóra" á fábrica viguesa e á automoción galega. "Até o momento o único que temos son boas palabras", constatou.
Peticións a Stellantis
Finalmente, en alusión á empresa, a portavoz nacional do BNG tamén lle reclamou a Stellantis "unha aposta estratéxica" por Galicia á hora de redifinir a súa rede de provedores de compoñentes, para dimensionar o sector na súa xusta importancia.
Do mesmo xeito, recalcou que os fondos públicos que chegan á a automoción deben servir para "dar músculo ao sector", pero tamén deben repercutir na creación de emprego e "en condicións dignas" dos traballadores. "Precarizar as relacións laborais é un modelo fracasado, se queremos un crecemento xusto, ten que haber un compromiso de todas as partes para avanzar cara a mellores condicións laborais", sentenciou.