632 estudantes maiores de 55 anos están matriculados este curso 2025/2026 no Programa Universitario de Maiores da UVigo (PUM), que acada un récord histórico de alumnas e alumnos, superando as cifras de antes da pandemia, que rozaban as 600 persoas matriculadas. Nos seus dous ciclos, o intensivo e integrado, recoñecidos ambos cun título propio da Universidade de Vigo, 409 mulleres e 223 homes fórmanse este curso nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, onde lles imparten clase máis dun centro de docentes propios e externos á UVigo.
“Eu creo que este aumento débese a que hoxe en día a calquera idade se é novo, a xente segue activa, con ganas de aprender e de facer cousas novas. Creo que ser novo non depende tanto dos anos como da actitude”, sinala a vicerreitora de Estudantado e Emprendemento da UVigo, Natalia Caparrini, como razóns para explicar o récord acadado na matrícula do PUM este curso. Así mesmo, lembra que a LOSU promove e incentiva a formación ao longo de toda a vida “e impulsa que as universidades non só oferten títulos oficiais, senón programas propios que están pensados para que calquera poida seguir aprendendo e a calquera idade”.
O Ciclo intensivo abrangue 60 créditos ETCS, distribuídos en materias deseñadas especificamente para este programa e unha vez rematado, outórgaselle ao alumnado a acreditación de titulado ou titulada sénior en cultura e sociedade, que lles dá oportunidade, xunto a aquelas persoas que xa contan cunha titulación universitaria, de acceder ao Ciclo integrado. Este consta de 36 créditos e nel poden cursar un conxunto de materias en diferentes graos da Universidade, compartindo aula co estudantado destas titulacións.
Con 313 estudantes, o campus de Vigo é o que maior número de estudantes rexistra este curso (290 no ciclo intensivo e 23 no integrado); seguido do de Ourense con 163 (148 no ciclo intensivo e 15 no integrado) e o de Pontevedra con 156 (145 no intensivo e 11 no integrado). Do total de persoas matriculadas, 409 son mulleres (case un 65%), fronte a 223 homes, mentres que por ciclos, o número de persoas que cursan o intensivo ascende a 583 (382 mulleres e 201 homes) e o de matriculadas no ciclo integrado é de 49 (27 mulleres e 22 homes). En canto á idade media do alumnado esta sitúase nos 69 anos, que coincide coa das mulleres, mentres que a dos homes ascende a 70 anos.
A coordinadora do PUM, Carmen Abreu, considera que a presenza maioritaria de mulleres no Programa responde ao feito de que “moitas delas o consideran unha forma de seguir activas, de ampliar a súa rede social e dedicarse tempo, especialmente cando xa deixaron atrás responsabilidades familiares e laborais”. Pola súa banda, a vicerreitora de Estudantado apunta que matricularse por vez primeira ou regresar á universidade cumpridos os 55 anos “ten moitos beneficios”. Por unha banda, considera que permite ao alumnado sénior seguir aprendendo e manter a mente activa, relacionarse e compartir intereses comúns, así como sentirse parte dunha comunidade. “Ademais hai algo que me parece fundamental, o valor interxeracional. O PUM non só enriquece a quen participa directamente do programa, tamén creo que achega moito ao estudantado novo co que comparten aulas porque se xera un intercambio de experiencias, de formas de ver a vida que lles resulta a ambas partes moi enriquecedora”, explica Caparrini.
A preferencia polas materias dos ámbitos das Humanidades e das Ciencias Sociais é outra das cuestións sobre as que incide Carmen Abreu. “Historia, filosofía, arte, literatura, socioloxía, etc. son materias de fomentan a reflexión e o debate e isto é algo que o alumnado valora moitísimo. Tamén hai estudantes que se interesan polas ciencias experimentais, saúde e incluso a tecnoloxía”, detalla a coordinadora e docente do Programa Universitario de Maiores, que destaca o interese xeral do alumnado de seguir aprendendo en todos os campos, o que considera “admirable”.
Precisamente, ampliar a oferta de materias optativas é xunto a reformular contidos e metodoloxías nas materias obrigatorias; aumentar as horas dedicadas a actividades prácticas e buscar opcións para as persoas graduadas que queiran seguir a súa formación, algúns dos retos que o PUM enfronta. “O crecemento da poboación con máis de 55 anos e o aumento da esperanza de vida e a súa calidade, implica un crecemento exponencial da demanda de persoas que desexan superarse, especialmente no campus de Vigo e isto é unha gran noticia, pero tamén supón un reto, porque a oferta actual non é suficiente, a pesar de que imos ampliando prazas ano tras ano non somos quen de cubrir toda a demanda e moitas persoas quedan fóra” explica Carmen Abreu, que tamén incide na necesidade de adaptar a metodoloxía docente. “O alumnado sénior ten ritmos e necesidades de aprendizaxe distintos e é fundamental que o profesorado o teña en conta. O reto é atopar o equilibrio entre o rigor académico e a facilidade, sen perder a calidade”, explica.
A homenaxeada é enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL