O Concello de Redondela, a través dunha empresa especializada en limpezas ambientais baixo a coordinación da Concellería de Medio Ambiente que xestiona Alberto Álvarez, está a desenvolver traballos de limpeza das beiras nos treitos urbanos dos ríos. As labores céntranse, nestes días, nas beiras do Pexegueiro Alvedosa e Maceiras para, o vindeiro luns, realizar ditos traballos nos ríos Fondón e Maceiras da parroquia de Chapela.
Alberto Álvarez salientou que os traballos, dado que se realizan a través dunha empresa especializada nestas labores, “efectúan a limpeza cun estrito cumprimento de todas as normas de coidado medioambiental tanto da flora como da fauna”. Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas, lembrou que o feito que se traballe nos treitos urbanos “responde a que o Concello carece de competencia fora desas marxes xa que pasa a ser competencia única e exclusiva de Augas de Galicia”.
A rexedora redondelá lembrou que “a limpeza das beiras e canles diminúe o risco de riadas e inundacións”. “O certo é que en inverno estánse a producir episodios de choivas cada vez máis torrenciais e é complicado impedir as riadas, pero unha axeitada limpeza dos ríos reduce moito os danos causados polas mesmas”.