Renfe estuda aumentar as frecuencias do tren de proximidade en Redondela

Publicidad

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de lograr o compromiso de Renfe para estudar a posible ampliación de frecuencias nos trens de proximidade que transcorrren polo municipio.

O pasado 22 de xaneiro, a Alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Turismo, Daniel Boullosa, aproveitaron a súa visita a Fitur para reunirse co director xeral de viaxeiros de Renfe, Rafael Azuara. Nesta reunión, a alcaldesa trasladou a importancia para Redondela de que Renfe estude a posibilidade de aumentar as frecuencias nas paradas de trens de proximidade entre Pontevedra e Vigo. Esta foi unha das reivindicacións das que se obtivo un compromiso firme por parte de Renfe, que “revisará exhaustivamente as frecuencias das liñas e paradas para intentar aumentar a súa frecuencia e así dar mellor servizo aos e ás viaxeiras”. Actualmente conta cun total de 21 paradas nas distintas estacións e apeadeiros.

Pola súa parte, o goberno municipal comprométese a realizar campañas de promoción e impulso do uso do ferrocarril. Dende o Concello adoptaranse tódalas medidas necesarias para informar e animar a veciñanza a utilizar un medio de transporte alternativo, cómodo, accesible e respectuoso co medio ambiente.

Outros temas tratados nesta xuntanza foi a venda presencial de billetes na estación da Portela, no que a alcaldesa mostrou a súa satisfacción de que Renfe decidira cambiar as medidas adoptadas en días anteriores, comprometéndose a manter este servizo ata o próximo 30 de xuño. A partir desta data Renfe contratará a parados inscritos nas oficinas do INEM de Redondela como persoal de apoio, que se encargarán de asesorar aos usuarios e usuarias á hora de adquirir os seus billetes nas máquinas de autovenda ou nas distintas formas habilitadas.

Renfe tamén valorará a mellorara dalgunhas infraestruturas, así como a seguridade, en distintos puntos do municipio, como Cesantes ou A Portela, reivindicacións veciñais “que levan anos sen terse en conta”, explicou Rivas.

Salir de la versión móvil