Salceda estrea o seu centro terapéutico

Publicidad

O Concello de Salceda de Caselas ven de estrear o seu centro terapéutico, ubicado na antiga escola de Vendanova, e que servirá para acoller as actividades de AFAGA no municipio. AFAGA atende a persoas diagnosticadas de alzheimer ou outras demencias, nun programa xestionado a través dos servizos sociais. Neste momento existen prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden dirixirse a este departamento para tramitar a súa solicitude.

O Concello de Salceda realizou a primeira fase da recuperación do edificio dentro do Plan Concellos 2019, cun investimento de 61.058,77 euros, e a previsión é a de poder realizar a segunda fase no Plan Concellos deste ano, para poder facer uso tamén da segunda planta do edifico e poder deste xeito ampliar os servizos que ofrecerá AFAGA.

O Concello de Salceda leva anos ofrecendo actividades para as persoas enfermas de alzheimer e outras demencias. Calcúlase que uns 200 veciños e veciñas de Salceda padecen algunha enfermidade neurodexenerativa, polo que este tipo de programas resultan fundamentais na procura do seu máximo benestar, proporcionándolles as ferramentas e o apoio necesarios a través dunha atención individualizada.

O presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, quixo poñer en valor o compromiso do Concello de Salceda coas persoas con deterioración cognitiva e as súas familias coidadoras, e destacou o desenvolvemento de programas de prevención para toda a veciñanza, nun centro que será modelo de referencia en toda Galicia para a creación das unidades terapéuticas no rural. A concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, resaltou a importancia da atención aos colectivos máis vulnerables, como neste caso, con servizos que lle permitan manter unha maior auotonomía persoal.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, afirmou que esta acción “é un proxecto que xa iniciamos na lexislatura anterior e que chega nun momento chave. Enmárcase dentro do proceso de recuperación de edificios municipais para destinalos a diferentes usos, neste caso a un colectivo tan importante como é o das nosas persoas maiores, que coa situación de pandemia que temos actualmente precisan máis que nunca esa atención”

Salir de la versión móvil