Salceda ultima o despregue dunha rede wifi municipal e gratuíta que dende esta fin de semana ofrecerá un servizo de internet de alta calidade nos principais espazos públicos da vila. O sistema conta coas últimas tecnoloxías wifi de 2,4 e 5 Ghz, capaz de soportar un gran número de usuarios sen descenso do rendemento.
Os puntos wifi estarán instalados na Praza do Concello, Casa da Cultura Castelao, Praza da Devesa, CDL O Torrón e Pavillón Municipal, e garantirá o acceso gratuíto mediante banda ancha ao público en xeral, o que busca tamén facilitar o acceso á administración electrónica, eliminando a barreira que supón para unha parte da cidadanía o acceso a internet.
O proxecto supuxo un investimento de 28.846,60 €, dos cales 15.000 € son aportados pola Unión Europea dentro do programa wifi4eu, e o resto polo propio Concello. Será precisamente a Unión Europea quen supervisará que se cumpran en todo momento os criterios de calidade da conexión, que non debe baixar de 30 Mbps, e debe estar garantida por un período mínimo de tres anos.
O programa Wifi4EU estase a implantar en milleiros de municipios de toda Europa, dos cales unha vintena son municipios galegos, polo que “para Salceda é un privilexio poder formar parte do programa”, segundo explica a alcaldesa, Loli Castiñeira. “A nosa veciñanza vaise beneficiar dunha rede wifi aberta, gratuíta e de grande calidade, o que sen dúbida constituirá un novo aliciente á hora de escoller Salceda como lugar de residencia para novos veciños e veciñas”, asegurou esta mañaá a rexedora.
Salceda foi un dos cinco primeiros municipios de Galicia en beneficiarse do programa, xunto con Cerdido, Oleiros, Rianxo e Toén, aínda que na actualidade o proxecto xa está a chegar a unha vintena de concellos galegos.