Tanxugueiras rompe en Vigo unha nova fronteira: a música en galego tamén triunfa en Castrelos

Publicidad

Non pincharon, non. Tanxugueiras deixou unha fonda pegada en Castrelos. Muiñeira, pandeireta e aturuxos multiplicáronse nunha velada na que 40.000 persoas, segundo datos oficiais do Concello, vibraron e gozaron da gran foliada que brindaron Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro. Precisamente, ese éxito de público, que encheu o parque vigués máis aló das gradas do anfiteatro, emocionou a unha das Tanxu. Olaia, con bágoas nos ollos, comproba o amor e a paixón que esperta a súa proposta musical, unha proposta que, a lo menos de momento, segue sen ter límites.

O concerto de Tanxugueiras en Vigo estaba marcado pola publicación, tan só 24 horas antes, do seu terceiro e novo álbum, “Diluvio”. Aida, Olaia e Sabela destacan e triunfan, ademais da súa música, pola súa naturalidade a claridade á hora de falar. “Rachar con todo”, dicían mentres querían explicar o seu novo traballo. Poucas frases poden definir mellor o que están conseguindo as cantareiras. Primeiro demostrando que “non hai fronteiras” e na velada de onte na urbe galega confirmando que o Auditorio de Castrelos tamén é un espazo para a música en galego, un debate que estaba aberto nestes últimos anos ante a ausencia de grandes artistas na programación como Ses ou Carlos Núñez.

A foliada do último sábado de xullo debe servir para poñer en valor o noso. Esa é unha das mensaxes que predican as Tanxugueiras, que ofreceron un concerto duns 80 minutos no que non faltaron os grandes temas do seu novo traballo. Os asistentes puideron gozar desa proposta musical tan innovadora que mestura a tradición galega con sonoridades máis contemporáneas. Un estilo único e temas cargados de valores son algúns dos pilares do éxito do trío de cantareiras, que amosaron en Castrelos que outra das súas grandes bazas é o seu potente directo.

Na parte inicial da velada, Aida, Sabela e Olaia quixeron agradecer a presenza sobre o escenario de Isaac Palacín, batería de Mos que formou parte de bandas míticas como Berrogüetto, polo que pediron ao público unha ovación. O “Viva Vigo” de Aida, a emoción de ver a ducias de miles de persoas vibrando coa súa música e os constantes agradecementos ao público polo apoio dunha noite que non esquecerán xamais marcaron unha foliada na que os momentos máis épicos quedaron para os bises.

Os dous últimos temas de noite fixeron que o tempo parase en Castrelos. “Figa”, a canción que namorou aos eurofans, e “Terra”, o himno da diversidade que pechou por todo o alto a macrofoliada na que se converteu o Auditorio de Castrelos.

O formato da velada de onte foi diferente a outras ocasións. Tanxugueiras contou co teloneo de Laura LaMontagne & Pico Amperio, unha proposta que mestura a tradición galega cunha música máis experimental. Este concerto comezou arredor das 21:30 horas, unha hora antes de que Aida, Sabela e Olaia saísen ao escenario de Castrelos ofrecesen o segundo concerto do verán con máis público tras o de Sebastian Yatra.

GALERÍA DE FOTOS

(Se non podes ver a galería fai clic aquí)

Salir de la versión móvil