Tui recibirá 329.859,49 euros do Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-22 para converter o cárcere vello nun centro de acollida e interpretación de peregrinos e visitantes, dando así continuidade ao proxecto que foi financiado polo Concello de Tui para dotar ao espazo dun uso cultural. O obxectivo é crear no Cárcere Vello un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as visitas ao Conxunto Histórico-Artístico de Tui. O proxecto contempla o acondicionamento do local e montaxe do Centro Cárcere Vello para a acollida aos visitantes do conxunto histórico de Tui e aos peregrinos do Camiño de Santiago.
Así, estas instalacións serán completamente reformadas para acoller un proxecto museográfico que porá en valor o patrimonio e legado histórico de Tui. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as orixes prehistóricas de Tui, a vía romana que a atravesaba, as invasións normandas e musulmáns, o mercado medieval e os personaxes da nobreza que protexían a cidade, a relación milenaria con Portugal, a fenomenal comunidade xudía e a simboloxía secreta que utilizaban. Tamén destacarán personaxes ilustres tudenses como o filósofo Francisco Sánchez, precursor de Descartes, ou Frei Rosendo Salvado, evanxelizador de Australia. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.
O Centro Cárcere Vello de Tui será tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.