O Centro de Servizos e Apoio Empresarial do Polígono Industrial de Barro acollerá o mércores, 10 de setembro, o Congreso de Comunidades Enerxéticas, organizado pola Deputación de Pontevedra a través da súa Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) +Renovables. O encontro está dirixido a particulares, empresas, administracións e colectivos sociais interesados en descubrir unha nova forma de producir e consumir enerxía renovable que permite abaratar custos, gañar autonomía e impulsar un modelo sostible e participativo.
A xornada será inaugurada polo presidente da Deputación, Luis López Diéguez, e polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañados de representantes da OTC DEPO, un servizo que presta asesoramento integral para a creación de comunidades enerxéticas en toda a provincia, con especial atención ao medio rural e aos concellos con reto demográfico. A OTC +Renovables acompaña a veciños, asociacións e empresas interesadas en organizarse arredor dun proxecto común de xeración de enerxía, ofrecendo informes de viabilidade técnica e económica, asesoramento legal e apoio en todo o proceso de constitución e desenvolvemento.
O programa do congreso, que se desenvolverá en horario de 9:15 a 17:30 horas, inclúe relatorios, mesas de debate e obradoiros prácticos que abordarán cuestións clave como o impacto económico e social das comunidades enerxéticas, as innovacións tecnolóxicas aplicadas ao autoconsumo colectivo, a intelixencia artificial e a xestión de datos, así como os marcos legais e de financiamento.
Entre os relatores destacan expertos de primeiro nivel chegados de Galicia e do resto de España, como o investigador Diego Quiñoy (EnergyLab), o economista Jorge Fernández Gómez (Orkestra – Universidade de Deusto), o enxeñeiro Oriol Sarmiento (Cluergal), o investigador Pablo Álvarez Rodríguez (ITG) ou o avogado Julio Mendo Buetas, especialista en regulación enerxética.
O congreso contará tamén coa participación de proxectos pioneiros xa en marcha, tanto galegos como doutros territorios, que amosan o éxito destas iniciativas e o seu papel como motor de desenvolvemento local e cohesión social. Entre eles estarán Xermade XERAndo, Begonte Genera, Galeosol ou Arroyo Alumbra, experiencias que proban que a colaboración veciñal pode traducirse en aforros reais, soberanía enerxética e loita contra a despoboación.
Ademais, celebraranse dous obradoiros prácticos: un de emprendemento verde, pensado para impulsar novas start-ups vinculadas á enerxía, e outro de participación cidadá, que ofrecerá ferramentas para implicar á veciñanza nos proxectos de forma activa e inclusiva.
A asistencia ao congreso é de balde, con inscrición previa a través do sitio web institucional da OTC.
Con esta cita, a Deputación de Pontevedra busca achegar á cidadanía un modelo real e contrastado que permite aforrar na factura eléctrica e xerar enerxía de maneira comunitaria e sostible, facendo de Galicia un territorio de referencia en innovación enerxética e participación social.