A secuenciación xenómica do SARS-CoV-2 permite identificar as variantes do virus e trazar a súa diseminación a unha escala xeográfica grande, comprendendo así como este se move polo planeta. Pero a abordaxe estándar de secuenciación non permite explicar como o virus se transmite a unha escala máis pequena, por exemplo, dentro dun domicilio ou nunha residencia da terceira idade. É por isto que un equipo de investigadores do proxecto Epicovigal, iniciativa que engloba 11 equipos de investigación dos sete centros hospitalarios de referencia de Galicia, dos tres institutos de investigación sanitaria, as tres universidades galegas e o Cesga, quixo comprobar se empregando unhas técnicas máis precisas, que permiten detectar mutacións raras do virus, eran quen de determinar a ruta de contaxios a pequena escala.
O investigador, que coordina o consorcio Epicovigal, explica que a comprensión detallada de como e cando se produce a transmisión da síndrome respiratoria aguda grave do SARS-CoV-2 é fundamental para deseñar medidas de prevención eficaces. Neste contexto, a secuenciación do xenoma ofrece información epidemiolóxica complementaria ás técnicas máis tradicionais como rastrexo de contactos.
Os resultados deste estudo acaban de ser publicados pola revista Virus Evolution e, como explica o catedrático e investigador do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da UVigo David Posada, constatan que a diversidade xenómica do SARS-CoV-2 é útil para delimitar diferentes gromos dentro dunha cidade como Vigo.
Na procura das mutacións raras en 49 pacientes de Vigo
Neste estudo, o equipo formado por científicos do Cinbio, dos Servizos de Microbioloxía e Medicina Preventiva do CHUVI e da Rice University, secuenciou corenta e nove mostras de pacientes con SARS-CoV-2 procedentes de residencias de anciáns, fogares familiares e festas de aniversario na cidade de Vigo. “Queríamos ver se con técnicas xenéticas un pouco diferentes, como se fose unha lupa de maior aumento, éramos capaces de detectar mutacións raras do virus e, a través delas, distinguir as rutas de contaxio a pequena escala”. Explica o catedrático da UVigo que “cando o SARS-CoV-2 infecta unha persoa, se multiplica nas células e pode sufrir mutacións que só aparecen nunhas poucas partículas virais dos miles de millóns que poden vir a ser no pico da infección”. Cando esa persoa infecta a outra, “esas mutacións máis raras, e que chamamos intrahóspede, poden transmitirse ou non, dependendo da súa frecuencia, e do azar”. Neste estudo, tratouse de comprobar se, efectivamente, esas mutacións raras “pasan ou non dun individuo a outro e estudar a través delas se é posible determinar a ruta de infección a pequena escala e o colo de botella de transmisión, é dicir, cantas partículas virais son as que establecen a infección”.
Neste proceso, os científicos aplicaron técnicas xenómicas máis precisas a unha serie de casos sobre os que existía información de rastrexo, de modo que os resultados do estudo xenético puidesen ser contrastados coa información epidemiolóxica. É dicir, explica Posada, “traballamos de maneira agnóstica para coñecer como foi a ruta de contaxio e comparar os resultados co que deduciu o epidemiólogo, co obxectivo de ver se só con datos xenéticos seríamos capaces de entender quen infecta a quen”.
Os resultados obtidos constatan que “para unha cidade como Vigo, do seu tamaño e características, somo quen de distinguir entre diferentes gromos só con datos xenéticos”. Isto permitiría, por exemplo, determinar se dentro dunha residencia de anciáns con 50 persoas infectadas, todos os contaxios proceden da mesma fonte. “Lamentablemente”, engade Posada, “o que non seguirmos foi determinar dentro de cada un deses gromos a orde dos contaxios, xa que a taxa de mutación do virus non é tan rápida”, o que impediu na maioría dos casos a identificación inequívoca de eventos de transmisión directa.
O colo de botella da transmisión é moi pequeno
Outro dos resultados máis destacables do estudo é que os científicos galegos foron quen de confirmar o tamaño do colo de botella da transmisión. Non estaba claro, como explica o catedrático David Posada, se no proceso de transmisión da covid a infección se produce a partir de miles de partículas virais que pasan dunha persoa a outra, ou se, polo contrario, son poucas as que pasan e se multiplican con éxito. Finalmente, os nosos datos permiten demostrar que “os colonizadores exitosos son moi poucos”. De feito, dos miles de millóns de partículas virais que pode ter unha persoa contaxiada, se esta contaxia a outra “só transmite con éxito, é dicir, que xeran infección, unha, dúas ou tres partículas virais”, o que se coñece como colo de botella da transmisión. “Isto é compatible, aínda que non é unha proba definitiva, co predominio do contaxio mediante aerosois”.