Especies de elasmobranquios costeiros como a raia mosaico (Raja undulata) ou o melgacho (Scyliorhinus canicula) centran desde o ano 2019 os estudos de investigadores e investigadoras do grupo Inmare do IIM-CSIC, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e do Cetmar, ao abeiro de diversos proxectos nacionais e internacionais. O traballo deste grupo de investigadores e investigadoras galegas está a achegar información importante para entender o papel do parque nacional na ecoloxía espacial de quenllas e raias que habitan nas súas augas e que resulta crucial para o deseño de ferramentas de xestión e conservación axeitadas para este grupo taxonómico, especialmente vulnerable.
No último traballo publicado como resultado das investigacións, nas que por parte do CIM-UVigo participa a investigadora de predoutoramento Paula Daban Losada, integrante do grupo de Ecoloxía e Bioloxía Animal, repórtase a existencia de dimorfismo sexual no uso do espazo e dos recursos: as femias que pasan menos tempo dentro dos límites do parque presentan unha amplitude de nicho isotópico maior en comparación co resto de exemplares da poboación. “Estes resultados botan luz sobre o papel do parque na conectividade ecolóxica das especies de elasmobranquios das nosas costas; pero aínda quedan moitos interrogantes sen resposta”, explica Alexandre Alonso, investigador principal do proxecto Conectee do IIM-CSIC. Precisamente, este proxecto de investigación permitiulle ao equipo ampliar a súa rede de receptores acústicos ao resto das illas que compoñen o parque e zonas adxacentes, para ter unha imaxe máis completa dos patróns de movemento da comunidade de elasmobranquios que habitan nas súas augas. “Ademais, o proxecto compleméntase con mostraxes de xenética co obxectivo de identificar diferentes unidades poboacionais asociadas aos seus patróns de distribución”, indica Alonso.
Resultados do estudo
Combinando a telemetría acústica submarina e a análise da composición isotópica, co obxectivo de entender mellor os patróns de movemento da raia mosaico na contorna do parque, o estudo, cuxos resultados se publican na revista Marine Ecology Progress Series, conclúe que “as femias que pasan menos tempo en augas do parque están expostas a unha maior diversidade de recursos e presas de distintos niveis tróficos e/ou que habitan en contornas diferentes”, explican as e os investigadores do CSIC, CIM-UVigo, Cetmar e PN.
Este comportamento favorece unha concectividade ecolóxica a nivel poboacional esencial para manter unha poboación saudable. Neste sentido, as femias menos residentes xogan un papel crucial na conectividade funcional ao facilitar a transferencia de materia e enerxía dentro e fóra do Parque. “Estas investigacións están a ser determinantes para, por unha banda, obter información sobre patróns de uso espacial das raias do parque, que podería ser útil para facer unha suxestión de zonas de especial protección e por outra, é un exemplo claro da utilidade de combinar diferentes ferramentas de investigación dentro dun equipo multidisciplinar, neste caso integrando o uso da telemetría acústica e a análise de isótopos estables para estudar a ecoloxía espacial e o uso de recursos de organismos mariños”, destaca Alexandre Alonso.
Metodoloxía de traballo
Para a realización dos estudos, no arquipélago das illas Cíes instalouse unha rede de telemetría acústica composta por 28 estacións equipadas con receptores acústicos submarinos. Entre os anos 2019 e 2021, capturáronse un total e 98 individuos de Raja undulata, marcáronse cun transmisor acústico e tomóuselles unha mostra de aleta para a análise de isótopos estables de carbono e nitróxeno.
O estudo estivo financiado polos proxectos Tac, Destac e Igentac coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Goberno de España), a través do programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).