Un 'ranking' internacional coloca á UVigo entre as mellores universidades de España e do mundo

Publicidad

A edición de 2024 do QS World University Rankings, publicada na noite deste martes polo analista de educación superior global QS Quacquarelli Symonds, sitúa a Universidade de Vigo na franxa entre as 901-950 mellores do mundo e no posto 24 en España. Esta posición supón unha mellora respecto da edición 2023, cando se atopaba no rango entre 1001-1200 e no posto 31 das institucións españolas que indexa esta clasificación. De feito, nas últimas tres edicións a institución viguesa situouse por enriba da fronteira das 1000 universidades, e agora recupera unha posición por debaixo deste límite que perdera en 2021.

Atendendo a todos os indicadores que se avalían neste ránking, o aspecto mellor valorado da Universidade de Vigo é sostibilidade, eido no que acada unha puntuación de 42.6 e se sitúa no posto 345. Outro ítem no que a UVigo acada moi bos resultados é o referido ás redes de investigación internacionais, con 35.3 puntos e ocupa o lugar 417, seguido das citacións por facultade con 17 puntos e o posto 603.

1500 institucións de 104 países

O QS World University Ránking 2024 analiza 1499 institucións de 104 países, fronte ás 1418 do ano pasado. Con estas cifras convértese no máis amplo dende que botou a andar. Os resultados dan conta da distribución e execución de 17,5 millóns de artigos académicos publicados entre 2017 e 2021 e das 141,6 millóns de citas recibidas por eses documentos. Tamén abrangue as opinións como expertos de máis de 144.000 profesores académicos e máis de 98.000 empregadores de todo o mundo.

Os catro primeiros clasificados no ránking mundial son, por esta orde, o Massachusetts Institute of Technology (MIT); a University of Cambridge; a University of Oxford e Harvard University. Atendendo á clasificación das 35 universidades españolas avaliadas, os primeiros postos son para a Universitat Autònoma de Barcelona; a Universitat de Barcelona; a Universidad Complutense de Madrid e a Universidad Autónoma de Madrid.

Resultados destacados globais

Os resultados globais desta nova edición da clasificación QS deixan varias conclusións destacadas, como a mellora do 75% das universidades de África ou o feito de que rexión árabe segue sendo cada vez máis competitiva. Tamén cabe subliñar que a universidade máis importante de Asia, a Universidade Nacional de Singapur entra no top 10, en concreto no posto 8, mentres que Corea do Sur e Xapón seguen sendo fortes pero menos prolíficas ao tempo que Tailandia e Indonesia consolídanse como emerxentes.

Tamén cabe subliñar que o ETH Zurich é a mellor universidade de Europa continental por décimo sexto ano consecutivo, mentres que as universidades fusionadas de Francia continúan con éxito, entrando no top-25 a Université PSL. No que atinxe a América latina, a primeira institución en aparecer no ranking é a Universidade de São Paulo, no posto 85º.

Cambios no vixésimo aniversario

Con esta edición de 2024 o ránking QS cumpre o seu vixésimo aniversario e faino introducindo cambios que reflicten, segundo indican os seus autores, “o crecemento da dispoñibilidade de datos e o cambio de prioridades dos estudantes e da sociedade en xeral durante as últimas dúas décadas”. Ante este novo contexto, QS implementou a maior mellora metodolóxica desde o seu inicio, introducindo tres novas métricas: sostibilidade, resultados de emprego e redes internacional de investigación. Ao tempo tamén se axustou a ponderación dalgúns indicadores existentes, como a reputación académica, a reputación do empregador e o profesorado.

O vicepresidente sénior de QS, Ben Sowter, destaca que "o QS World University Ránkings de 2024 representa un importante paso na evolución do exercicio, marcando a innovación máis significativa no seu paradigma metodolóxico desde a súa creación hai dúas décadas. Máis ca nunca, alíñase coas prioridades da xeración Z e Alpha, proporcionando ás institucións unha lente única para avaliar o seu rendemento en áreas primordiais para dar forma a un futuro máis brillante para as xeracións vindeiras”.

Salir de la versión móvil