Vigo descarta unha empresa pública para xestionar os aparcamentos de Jenaro e Castelao

Publicidad

O pleno municipal de Vigo aprobou a modificación orzamentaria para o pago da liquidación dos aparcadoiros de Jenaro de la Fuente e Castelao con 18 votos a favor do Grupo Socialista e sete abstencións do Grupo Popular, Marea de Vigo e BNG.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, lamentou ter que facer cargo ao remanente a cifra de 8,3 millóns de euros que supón a liquidación. O edil lembrou que “unha semana antes das eleccións de 2007, o Goberno de Corina Porro adxudicou os aparcadoiros a empresas cunhas condicións que no caso de concurso de acredores, o concello indemnizaría ao adxudicatario”.

Pola sua banda, o voceiro do Grupo Popular, Alfonso Marnotes, apuntou que “o problema 14 anos despois é Abel Caballero” e dixo que “comerciantes e veciños están encantados cos aparcadoiros porque son útiles”. Dende Marea de Vigo solicitouse que os concelleiros responsables destas accións respondan “co seu patrimonio” porque “non había escusa financeira, nin leis restritivas e se fixo para engordar empresas amigas”.

Namentres, o BNG de Xabier P. Igrexas, pediu co seu voto particular crear unha empresa municipal de servizos para a xestión pública dos aparcadoiros. Neste senso, o grupo socialista rexeitou a proposta porque, segundo defendeu o concelleiro de Facenda, “habería un aumento do gasto ao ter que pagar indemnizacións aos aparcadoiros cun contrato vixente e iso aminora as contas do concello para ofrecer outros servizos”.

Aprobación da Conta Xeral do Concello coa oposición en contra

O Grupo Socialista aprobou as contas do ano 2020 co voto en contra da oposición. O responsable de Facenda fixo fincapé nos “parámetros positivos” e eludiu ao Tribunal de Contas que di que “os resultados técnicos son positivos”. Aneiros apuntou que “os cidadáns de Vigo reciben máis en políticas públicas, servizos e inversión que a media que pagan”.

A oposición lamentou de forma conxunta que o Goberno non executara 110 millóns do presuposto e consideran que existe “un problema estrutural de no execución” do orzamento.

Salir de la versión móvil