Xoán Carlos González: "Buscamos un concello máis habitable no que todos teñan os mesmos servizos"

Publicidad

O BNG de Redondela busca nesta convocatoria electoral poder ampliar o respaldo dos veciños e veciñas apostando por un "goberno forte, sólido e cohesionado" que desenvolva políticas para un modelo de concello "máis humano e habitábel no que todos teñan os mesmos servizos". Á fronte da candidatura nacionalista atópase Xoán Carlos González, quen se amosa convencido de lograr "uns extraordinarios resultados" o 28 de maio.

Pregunta (P). Que valoración fai da última lexislatura?

Resposta (R). Este mandato de catro anos podemos calificalo como de excepción. Se ben dimos un apoio á investidura da alcaldesa Digna Rivas con moi boas expectativas, porque Redondela precisaba un cambio a un goberno de progreso, a medida que foron pasando os meses e os anos se confirmou que en determinadas cuestións este goberno non respostaba ás nosas expectativas. Sobre todo pola improvisación, a escasa planificación e o excesivo personalismo da alcaldesa.

P. Que proxectos destacados ten o BNG?

R. Nós cremos que hai que facer un investimento en infraestruturas que cheguen a toda a veciñanza. Acabamos de aprobar no pleno unha modificación das taxas de saneamento, debe chegar xa a todos os veciños e veciñas. E aspiramos a que se viva nas mesmas condicións e cos mesmos servizos nas parroquias e nos cascos urbanos. Pola súa parte, estes teñen que estar máis humanizados, con máis prazas para a xente, máis espazos abertos con menos vehículos particulares e cun pulo definitivo ao comercio local, que ten que ser un dos eixes económicos da Redondela de futuro.

En canto a cuestións concretas, Redondela debe estar dotada dunha nova biblioteca, Chapela debe ter un novo centro cívico sociocomuntiario e apostamos por novos espazos e sendas verdes, ampliando as que se foron creando nos últimos anos. De forma paralela, é preciso unha boa planificación de viais municipais que non so dean protagonismo aos vehículos, que veciños e veciñas poidan moverse con seguridade camiñando ou utilizando a bicicleta.

P. Está previsto ampliar a Vía Verde de Chapela?

R. Entendemos que hai posibilidades de ampliar a Senda Verde de Chapela ata Meirande, polo menos. É un espazo singular e habería que facer xestións oportunas con departamentos dependentes do Ministerio, pero é un espazo que a cidadanía esta demandando que se amplíe. É factible tamén construír o paseo marítimo de Cesantes, dende o Peirao até a Punta.

P. Como debería materializarse o PXOM de Redondela?

R. O Plan Xeral é un documento fundamental para un concello. Está relativamente avanzado e cremos que estamos en disposición de afirmar que se ten que aprobar. Hai uns prazos que estamos pendentes de que determinadas administracións respondan aos requirimentos do Concello. Nun ano debería estar xa o borrador. Significará que debe haber chan para construción de vivenda de carácter social -ben de renda baixa de aluguer ben de adquisición para rendas baixas-. Ten que ser equilibrado entre o medre urbanístico e o respecto ao medio ambiente.

P. Que ferramentas se poden implementar, máis alá do PXOM, para facilitar o acceso á vivenda?

R. A xente moza ten que ser un dos sectores prioritarios, porque están tendo moitísimos problemas, como comentas, de acceso á vivenda. Tamén para acceder a un posto de traballo digno. O Concello ten moi poucas competencias para poñer vivenda de carácter público, pero aí entra a capacidade para negociar coa Xunta de Galicia para que Redondela dispoña de vivendas concretas que poidan ser accesibles a mozos e mozas e ao conxunto da cidadanía.

No Casco Vello de Redondela hai que desenvolver un plan específico que vaia parello tanto á rehabilitación de vivendas a un prezo xusto de alugueiro e que o comercio local teña tamén un novo impulso nesta zona.

P. A nivel cultural, cales son as apostas para Redondela?

R. Redondela ten unha dinámica cultural moi importante e moi relevante, tanto no casco urbano como en Chapela e nas parroquias, dende grupos folclóricos a grupos de teatro, corais, actividades para persoas maiores, etc. Queremos dar un respaldo importante ás parroquias para que dispoñan de máis fondos. E tamén toda aquela actividade cultural que poida atraer á xente moza que pode levar á creación de industriais culturais no concello. Despois temos un elemento singular como os títeres, que hai que darlle unha programación anual. Levamos anos atrás do obradoiro do títere como un instrumento para crear novas compañías.

P. Por que os veciños deben elixir a papeleta do BNG?

R. Somos un grupo cohesionado e consolidado de xente moza, pero xente con moita experiencia que levamos varios anos traballando no proxecto do BNG. Me acompaña un grupo de xente que coñece practicamente á perfección todas as dinámicas e problemáticas de Redondela e as posibles solucións e alternativas que plantexamos. Apostamos por unha Redondela máis participativa e dinámica, que crea nas súas potencialidades e vexa o futuro con optimismo. Que Redondela volva ocupar o lugar que perdeu nos últimos anos.

P. Cal sería un bo resultado electoral?

R. Non me podo atrever a dar ningún número. O que percibimos e que agora se está concentrando é moita simpatía e apoio. Redondela non se pode espertar todos os días pensando que vai pasar no Goberno, se haberá ruptura, e apostamos por un Goberno forte, sólido e cohesionado. Entendemos que imos ter uns extraordinarios resultados.

P. Hai opción ao pesimismo, un resultado que fora malo ou que non houbera opcións de entrar nun Goberno?

R. Nós un panorama pesimista non o albiscamos. Entendemos que vai haber un apoio moi importante á nosa candidatura e significa que Redondela vai manter un Goberno de progreso. Aspiramos a asumir a Alcaldía e traballamos nese panorama.

P. É dicir estariades dispostos a un Goberno de coalición?

R. Os panoramas poden ser múltiples, pero nós temos que agardar ao veredicto dos veciños e veciñas e despois analizar ese resultado, que nós insistimos van ser grandes resultados para o BNG.

P. É liña vermella a permanencia ou non de Digna Rivas?

R. Primeiro veredicto dos veciños, decisión asemblearia do BNG e o BNG nunca vai actuar por criterios personalistas, imos analizar proxectos, non cuestións personalistas.

P. Cales son as apostas do BNG de estar no goberno?

R. A participación cidadá hai que recuperala. O compromiso de ter orzamentos anualmente, aínda que algún ano por algunha cuestión non se poida facer. E despois unha boa planificación dos proxectos do goberno e cohesión do goberno. Sempre investimento de carácter social, é dicir, que repercutan no conxunto da cidadanía e non só nuns poucos. Por último, hai un elemento moi importante, que os colectivos que teñen peso específico en Redondela, por exemplo a xente moza, as mulleres, as persoas maiores, etc. sexan escoitadas e se lles teña en conta.

P. Que se xoga Redondela o 28M?

R. Redondela xógase mirar ao futuro con optimismo, con capacidade para crear novas dinámicas, para dar respostas ás necesidades do conxunto de veciños e veciñas, crear un modelo de concello máis humano e habitábel no que todos teñan os mesmos servizos, con parroquias ben conectadas nas que se poida saír á rúa con tranquilidade. E volver ocupar o lugar de concello referente na nosa bisbarra e deixar atrás a pandemia sanitaria pero tamén a pandemia política que sufrimos durante os últimos anos.

P. Hai algo que queiras engadir.

R. Precisamente aprobamos no Pleno unha moción das mariscadoras de Cesantes, para nós é un recurso máis de potenciación da riqueza que ten que atesourar a Enseada de San Simón. Ten que ser un elemento de dinamización económica e medioambiental, de creación de postos de traballo respectuosos co medio ambiente e iso ten que significar que se desocupen terreos da Autoridade Portuaria, que se renove o peirao de Cesantes, que se traballe na recuperación dos areais, etc.

Salir de la versión móvil