A científica Paz Otero Fuertes, do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias da Universidade de Vigo, acaba de ser distinguida pola revista Toxins como mellor investigadora nova do ano 2022. Este galardón, o Toxins 2022 Young Investigator Award, outórgase cada ano a un científico ou científica junior como recoñecemento á súa excelencia no eido da toxinoloxía, a rama de toxicoloxía que estuda as toxinas biolóxicas, é dicir, producidas por animais, plantas ou microorganismos.
O xurado valora que as persoas candidatas teñan desenvolto investigacións innovadoras e unha importante contribución ao avance da toxinoloxía e o coñecemento sobre todo tipo de toxinas e, no caso de Paz Otero, destacan que ten participado en múltiples proxectos de investigación e publicado 56 artigos científicos, do cales 20 son como primeira autora ou autora de correspondencia; dez capítulos de libros, catro deles como autora principal; dez actas de congresos, ademais de ter un índice de Hirsch de 27.
Este premio supón un recoñecemento a toda a súa traxectoria profesional, desenvolta primeiro na Universidade de Santiago de Compostela, despois no Limerick Institute of Technology e na Autónoma de Madrid e, finalmente, na UVigo. O seu traballo céntrase no eido da seguridade alimentaria, a toxinoloxía, a farmacoloxía, os compostos bioactivos mariños, as microalgas, a purificación ou as ficotoxinas, cianotoxinas e micotoxinas. Aínda que esta é a primeira distinción que recibe dende que chegou á Universidade de Vigo, xa foi merecedora previamente, durante a súa estadía en Irlanda, dun premio do Irish Rearch Council.
Na UVigo dende 2020
Paz Otero é, dende decembro de 2020, investigadora do Departamento de Química Analítica e de Alimentos, en concreto do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias, que dirixe o catedrático Jesús Simal, localizado en Citexvi, onde están xestionando “un novo laboratorio para poder seguir crecendo como grupo de investigación e poder desenvolver novos proxectos e liñas de investigación”, como relata a científica.
Antes da súa chegada á UVigo, Otero traballou en dous proxectos europeos do Programa Espazo Atlántico enfocados a descubrir novos compostos mariños na costa atlántica (Pharmatlantic 2009-1/117 e Atlantox 2008-1/), ambos na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais foi seleccionada polo Irish Research Council (IRC) co proxecto Dettox: Production, extraction, and detection systems for new marine phycotoxins in Europe, do que era investigadora principal, centrado na detección das toxinas mariñas.
Actualmente está traballando no desenvolvemento dun proceso de produción sostible e rendible para a reciclaxe de subprodutos de olivas, uvas e améndoas en catro ingredientes naturais e saudables para aplicacións nutracéuticas e cosméticas, no contexto do “ambicioso” proxecto europeo UP4Health. Esta iniciativa está impulsada por un consorcio de dez institucións europeas, no que ademais da UVigo, participan Isanatur (coordinador), Contactica, Laboratorios Amerex, Aurora Intelligent Nutrition e Indukern, de España; Zade Vital, de Turquía; Biozoon, de Alemaña; o Instituto Politécnico de Bragança, de Portugal, e a Technological University Dublin, de Irlanda. Como explica a investigadora, “os subprodutos xerados como consecuencia do procesado destes alimentos son unha valiosa fonte de compostos bioactivos e teñen demostrado interesantes propiedades antioxidantes, antiinflamatorias, antimicrobianas”. Estes catro ingredientes que buscan os investigadores nestes produtos son extracto acuoso natural de froitos rico en polifenois, fibra dietética enriquecida en polifenois, extractos oleosos naturais de froita e oligosacáridos.
Impacto do cambio climático na seguridade alimentaria
A investigadora valora a recepción deste premio como “algo moi positivo para dar visibilidade na sociedade ao impacto das toxinas naturais” e, en xeral, para poñer o foco “na investigación que se realiza na área da toxinoloxía”, xa que dende o seu punto de vista “existe unha falta de coñecemento sobre as micotoxinas, as biotoxinas e sobre como estas chegan ao produtos do mar e aos cultivos e sobre o seu impacto na saúde”. Neste sentido, Otero remarca que se agarda que o cambio climático “afecte á seguridade dos alimentos e aos pensos, incluída a aparición de novas toxinas naturais emerxentes”, polo que este é precisamente “un tema ‘trending topic’ na área da nutrición e a tecnoloxía de alimentos”.
A recepción deste galardón supón para a investigadora da UVigo un premio en metálico de 2000 francos suízos así como a publicación dun traballo na revista Toxins tras a revisión por pares antes de finais de decembro de 2023 e un certificado electrónico.