O FICBUEU vai quentando motores de cara a súa próxima edición. Quedan xa menos de dous meses e este xoves 19 de xullo, o festival de cine morracense anunciaba a súa nova imaxe. O evento introduce ao espectador nun cuarto de estar moi especial. Aínda que só a intuimos, a pantalla na que adoitamos ver as películas e o sofá no que as compartimos trasládase a Cabo Udra, un lugar emblemático coa Illa de Ons ao fondo.
A intención desta nova imaxe de FICBUEU 2018 é xogar non só cos límites do espazo interior e exterior, descontextualizando os elementos, senón tamén co contraste de cores, a luz e a perspectiva, sen esquecer á angora San Martiño como obxectivo identificador. A finalidade e dar a entender que Bueu se converterá no mellor salón para gozar do bo cine entre os días 7 e 15 de setembro, datas nas que se celebra a nova edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU).
Por outra banda, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu bateu este ano a súa propia marca coa recepción de 2.202 filmes, chegados dun cento de países dos cinco continentes.
Un ano máis, Francia volve copar a cuarta parte das obras enviadas, non só polo dinamismo do cinema galo senón probablemente tamén pola participación dunha delegación do FICBueu no prestixioso Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand. España é o segundo país máis representado, con 256 filmes, seguido, aínda que con menos da metade, por Alemaña, Brasil, Bélxica, Italia e Rusia. Cómpre salientar tamén algúns envíos de lugares tan remotos coma Swazilandia, Singapur, Illa Mauricio, Moldavia ou Kirguistán.
Cómpre apuntar tamén o lento pero constante incremento de curtas dirixidas por mulleres, que se sitúan no 32%. Por outra parte, no 34% dos casos tratábase de óperas primas das e dos cineastas. En canto aos xéneros, segue a predominar a ficción e os contidos adoitan ser un reflexo da realidade, destacando as temáticas sociais. O equipo de selección do FICBueu 2018 continuará nas próximas semanas co visionado das curtas remitidas e o 15 de maio daranse a coñecer os títulos que finalmente se proxectarán durante o certame.
En canto os concertos, o FICBUEU 2018 contará coa presenza de artistas galegos contrastados como Xoel López ou o grupo De Vacas.