Xa é oficial. James Rhodes, o pianista británico que mudou Londres por Madrid, está namorado de Galicia. Dende a súa visita a Vigo, en xullo de 2018, este músico fóra de serie iniciou un idilio con Galicia que cada día se volve máis forte. Por aquel entón escribía o que sería o seu primeiro "chío" en lingua galega, “encántame estar aquí e quería dicilo”, aseguraba. Agora, sete meses despois volve escribir na lingua de Rosalía para volver enxalzar a terra de Breogán.
Desta vez, o prodixioso pianista decidiu compartir unha anécdota nas súas redes sociais que acumula xa máis de medio centenar de rechouchíos e no que explica como de “impresionado” quedou despois de que unha galega non dubidara en recalcar a súa orixe nunha conversa privada.
“Coñecín unha moza o outro día e pregunteille se era española”, comeza explicando Rhodes. “Ela sorriu e dixo: 'Non, son galega'”. Unha contundente aclaración que fixo “difícil” ao músico “non quedar impresionado por un orgullo tan auténtico dun lugar tan especial”.
Coñecín unha moza o outro día e pregunteille se era española. E ela sorriu e dixo: 'Non, son galega'. Foi difícil non quedar impresionado por un orgullo tan auténtico dun lugar tan especial.
— James Rhodes (@JRhodesPianist) 20 de febreiro de 2019
A espontaneidade caracteriza ao pianista británico que non dubidou en pedir “una abuela gallega” ou comezar a tocar, de forma espontánea, o piano dun céntrico café de Vigo na súa visita á cidade.
Just walking around Vigo ??♂️? Amazing pic.twitter.com/E5E8HZcxhh
— James Rhodes (@JRhodesPianist) 6 de xullo de 2018
Este músico clásico atípico, cun look máis propio dun indie que de alguén que interpreta a música de Johann Sebastian Bach, volverá a Galicia o vindeiro venres, 1 de marzo. Actuará no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, que colgou xa o cartel de “completo”, igual que uns meses antes pasara na cidade olívica.