O Concello do Porriño reactiva o Servizo de Normalización Lingüística, que conta con persoal técnico ao dispor da cidadanía, o seu propio espazo web e nova imaxe corporativa.
"Dende a concellería queremos que a veciñanza saiba que dispón dun servizo local ao que pode recorrer en busca de asesoramento en materia lingüística ou do proceso de normalización", explicou a concelleira de Normalización Lingüística, Carolina González. "Fomentar o uso do galego e garantir a súa calidade lingüística é responsabilidade de todos e todas", engadiu.
Con obxectivo de facilitar dito asesoramento habilitouse a dirección de correo electrónica servizonormalizacion@oporrino.org a través da cal os interesados poden comunicarse coa técnico e consultar calquera dúbida. Andrea González será a técnica encargada deste servizo e ofrecerá asesoramento nos diferentes departamentos municipais en todo o relacionado coa política lingüística e na planificación, xestión e execución de programas municipais de dinamización e fomento do uso do galego.
O servizo tamén contará con nova imaxe corporativa e o seu propio espazo web, onde se divulgarán materiais de promoción do uso do galego e información sobre as distintas actividades de dinamización postas en marcha.