A festa do mel en Moaña deste domingo traerá tamén produtos artesáns e gastronómicos

Publicidad

Os "Días de Mar" de Moaña rematarán este domingo a súa programación do xeito máis doce posible. Os xardíns da Casa do Concello acollerán ao longo de toda a xornada do domingo 18 de agosto a primeira Feira do Mel do municipio.

En total, 15 postos achegarán produtos gastronómicos, artesáns e, por suposto, do froito do traballo das abellas e apicultores. De todos eles, sete serán de produtos apícolas, namentres que no resto poderanse atopar xoguetes artesáns, queixos, marmelos, confituras, embutidos ou viños.

A cita comezará ás 11:00 horas, momento no que se espera xa non haxa nin rastro de chuvia, segundo as previsións das principais axencias meteorolóxicas. De feito, cos cambios na previsión, esperase que o domingo sexa unha xornada de ceos despexados ou anubrados, o que poderá favorecer a celebración da feira. Non en van, os xardíns do Concello atópanse a escasos metros da praia da Xunqueira.

Os concelleiros Coral Ríos e Odilo Barreiro xunto a José María Bello (DAGA)

Ademais dos postos, que segundo explicou a concelleira de Turismo, Coral Ríos, estrearán un novo modelo de madeira e tea branca, haberá tamén actividades ao longo da xornada como un obradoiro de extracción de mel (11:30 e 17:30 horas) ou unha cata de viño tinto co sumiller Antonio Portela -neste caso precisa de inscrición no enderezo electrónico dagamorrazo@hotmail.com.

Coma o resto da programación de verán do concello morrancense, os cativos tamén atoparán o seu espazo co espectáculo “Cores, contos e rock’n roll” de Pakolas, que arrancará ás 12:30 horas, e o obradoiro do recoñecido ilustrador Marc Taeger -que dará comezo ás 18:30 horas-.

A cita está organizada en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura -AGA- e a súa delegación no Morrazo -DAGA-. Serán eles quen entreguen, sobre ás 12:00 horas, 20 quilos de mel a Iago Aspas -tantos como goles marcou na pasada tempada-. Un agasallo que terá tamén unha pequena contrapartida como é o sorteo de agasallos asinados polo delanteiro do Celta.

PROGRAMACIÓN

Salir de la versión móvil