A campaña de Moaña en apoio á cultura en redes alcanza 14.000 reproducións

Publicidad

A campaña posta en marcha polo Concello de Moaña para amosar o seu apoio ao sector cultual do municipio pechouse este domingo cun alto impacto en redes sociais.

A serie de sete vídeos publicados nos últimos días no perfil oficial do Concello transmite a aposta do goberno municipal por “seguir traballando en prol da cultura para desenvolver todas as actividades na medida do posible”. Suman preto de 14.000 reproducións baixo o cancelo de #MoañaQuereACultura.

Os vídeos, nos que participaron persoas relacionadas coa cultura local, dende a Escola Municipal de Música á asociación folclóricas, pasando por asociación culturais, veciñais, agrupacións corais, comparsas, profesionais do mundo do teatro ou persoeiros da cultura moañesa como Xavier Blanco.

Precisamente o tema musical, "A marcha de Os Tornillos" do mestre gaiteiro Xavier Blanco foi a música elixida para ambientar a campaña. Segundo explica Blanco, "Os Tornillos" de Moaña, tiñan o costume moi peculiar de celebrar a volta a casa cada vez que viñan de tocar dunha festa doutro concello despois de levar algúns días fóra. Ó chegar a Moaña montaban as súas gaitas e ían tocando ata a porta das súas casas. Dicían que o facían por un sentimento de orgullo ao entender que representaban ó concello aló a onde ían. Gustáballes que os moañeses e moañesas se sentiran orgullosos de que a música de Moaña traspasara fronteiras e a súa peza máis representativa era precisamente a "Marcha dos Tornillos".

O concelleiro de Cultura, Carlos Juncal, pechou a serie de vídeos afirmando que "volveremos con máis forza porque estamos orgullosos e orgullosas do que somos e do que temos en Moaña". O Concello vén de adquirir o compromiso de evitar cancelar eventos e, no seu lugar, adialos cara o último trimestre do ano co gallo de intentar garantir a súa celebración. É o caso do Festival Intercéltico ou de Moaña AntiQua.

Salir de la versión móvil