Aínda que o termo rexurdimento asóciase á segunda metade do século XIX e a autores como Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal, no período no que se “criou intelectual, política e literariamente” Florencio Delegado Gurriarán, o poeta homenaxeado neste 2022 no Día das Letras Galegas, foi a “única época histórica na que a sociedade galega viviu un proceso que tiña como principal obxectivo o rexurdir de Galicia”. Con esta idea abría o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Anxo Angueira a conferencia que este martes dedicou ao poeta de Valdeorras no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas que a Universidade de Vigo celebrou na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Nun evento no que a institución fixo entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución e A lingua galega en 2050, promovidos pola súa Área de Normalización Lingüística (ANL), esta idea do rexurdimento foi de feito destacada tanto polo reitor, Manuel Reigosa, como polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, para pór de relevo o papel fundamental que as novas xeracións deben xogar no “rexurdimento” do idioma.
“Sodes o futuro da lingua e entre todos temos que conseguir, senón un rexurdimento, polo menos unha regaleguización”, trasladou Reigosa aos premiados, nun acto conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. No seu peche, o reitor salientou que unha das tres “grandes liñas” fixadas no plan estratéxico que a Universidade aprobou o pasado ano é “facer unha gran aposta pola lingua e a cultura galega”, á vez que lembrou que a UVigo conta con tres titulacións que se imparten nun 80% en galego, así como cun “plan para favorecer que nas aulas se utilice moito máis” o idioma. Mais, ao mesmo tempo, Reigosa sinalou ás e os estudantes premiados “que precisamos o voso apoio para que a xente nova que se incorpore ás aulas utilice con normalidade a nosa lingua”. Nesa mesma liña, Valentín García destacou que se ben Galicia conta coa “mellor xeración da historia” no referido ás súas competencias para escribir ou ler en galego, a “materia pendente é que a mocidade galega use a lingua dunha forma plena e consciente”. De aí que o representante da Xunta puxese de relevo o positivo de iniciativas como os premios que neste acto entregou o director da ANL, Fernando Ramallo, promovidos no marco dun convenio de colaboración entre a Universidade e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Xunto a entrega destes galardóns e a conferencia de Angueira, esta conmemoración adiantada das Letras Galegas completouse coa actuación na que Tino Baz puña música a varios poemas de Delgado Gurriarán á vez que o artista Marcos Escudero creaba ilustracións con area inspiradas neses mesmos versos.
Abertos ao conxunto da comunidade universitaria, o alumnado foi nese 2022 o grande protagonista dos premios literarios, dotados no seu conxunto con 3600 euros, así como coa publicación dos textos seleccionados nun monográfico. O nome dos gañadores e gañadoras, como explicou o director da ANL, foi decidido por un xurado presidido por Angueira e integrado por Fran Alonso, director de Edicións Xerais, os profesores da UVigo Robert Neal Baxter, Patricia Buxán, e Rebeca López; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo Marta Souto e o propio Ramallo como secretario.
Na categoría de poesía, o xurado outorgou o primeiro premio foi Adriana Rivas por Bosques, un poemario que, como explica, ten o seu xerme “nos sentimentos contraditorios que teño polos eucaliptos e, paralelamente, pola condución humana, parasitaria e bela ao mesmo tempo”. Estudante da Facultade de Filoloxía e Tradución, Rivas, que non puido acudir ao acto, amosábase “moi feliz” cun galardón que “quero pensar que indica que puiden crear unha peza que estableza unha conexión con quen le”. Tamén na modalidade de poesía, o xurado distinguiu con dous accésits os poemarios Un medo violento e o amor, de Remedios Fernández, e Paseantes, de Rebeca López Villar, e recomendou a publicación de Balbino, de Diego Bará.
Alumno tamén de Filoloxía e Tradución, Fabio Rivas recibía, por segundo ano consecutivo, o premio de relato curto, nesta ocasión por O cruceiro e as anguías, unha historia que tiña como punto de partida un artigo de Milagros Bará sobre a “escola de carteiristas de Lérez”, que levouno a dar forma un relato protagonizado por unha nena da aldea de San Martiño de Tiobre, membro unha escola de carteiristas que investía o recadado nos furtos en provisións para os guerrilleiros. “Que persoas coa traxectoria de Anxo Angueira ou Fran Alonso valoren desta forma o teu traballo, dá alento para intentar que isto non sexa máis ca o principio”, destacou o gañador dunha modalidade na que tamén se outorgou un accésit a Onde mataron os homes, de Carlos Manuel Estévez.
Por último, o premio na categoría de tradución foi para Diego García Laranxeiro pola súa adaptación ao galego dun texto científico escrito en alemán por Christina Beck. “Para min o maior premio é ter a oportunidade de transmitir coñecemento na lingua do noso país e facer a miña pequena achega para demostrar que o galego é unha lingua de primeira”, salienta este alumno do máster de profesorado, que recoñece que “traducir textos científicos ao galego supón un reto, xa que a maior parte da terminoloxía non está recollida no dicionario da RAG”, aínda que a lusofonía, engade, permite “encontrar solucións idiomáticas para practicamente todos os problemas de tradución”. Nesta categoría o xurado decidiu tamén outorgar un accésit a Isaac Garrido pola tradución do inglés dun texto do poeta vietnamita Ocean Vuong.
A estes galardóns sumouse neste 2022 un novo premio dirixido promover unha reflexión sobre a situación social da lingua por parte do alumnado, que debía dar resposta as preguntas de en que situación cren que se atopará o idioma en 2050 e como lles gustaría que chegase a esa data. Carla Míguez e Julieta Insagaray, ambas alumnas de Filoloxía e Tradución, foron as primeiras gañadoras dun certame dotado cun premio de 200 euros e a publicación dos seus textos nun novo volume do libro A lingua galega en 2050, que coordina Ramallo.
Alumna do doutoramento en Tradución e Paratradución, Míguez foi premiada por A lingua de todes, un texto no que fala da súa experiencia como neofalante e das vías de difusión do idioma na actualidade, á vez que reflexiona sobre o futuro do galego, no que agarda poida impulsarse “unha lingua galega aínda máis inclusiva, cunha perspectiva transfeminista interseccional que se reflicta no impulso da linguaxe non binaria”. Neofalante e natural de Uruguai, Insaragay foi premiada polo seu texto Nós, os fillos e as fillas da diglosia, unha “proposta literaria” coa que concorría por primeira vez a un certame literario e que pola que se dectantou tendo en conta o potencial da ficción para “apelar á sensibilidade dos lectores” e a importancia que isto ten nun tema “como o futuro da nosa lingua”.
Florencio Delgado Gurriarán: o soño e a súa testemuña era o título do relatorio no que Angueira trazou un percorrido pola traxectoria vital e literaria do poeta de Valdeorras, que foi completando co recitado dalgúns dos seus textos. Previamente, o tamén presidente da Fundación Rosalía de Castro subliñou que no período que abrangue de 1916 a 1936 “xestouse un poderoso político e cultural que tiña como obxectivo o rexurdir de Galicia”. Tratouse, engadiu, dun período, “especialmente o republicano”, que Delgado Gurriarán viviu de xeito comprometido e do que datan as súas primeiras publicacións de poemas na prensa. Este “rexurdimento” viuse “traxicamente tronzado polo fascismo”, lembrou o conferenciante, que detívose a continuación na marcha ao exilio, en 1938, do escritor, para logo pór o foco no seu activismo político e culturla en México. Aí, Delgado Gurriarán daría forma a libros como Galicia infinda, de 1963, co que Angueira puña o foco unha “das súas máis orixinais achegas”, unha poesía marcada “unha hibridación única na que entran, en galego, as terras e a cultura mexicana”. Aínda que o escritor puido regresar a Galicia en 1968 e 1973 “nunca o fixo definitivamente”, lembrou Angueira, que detívose nos seus últimos poemarios para pór o foco en como “a Galicia política e poética posterior á morte de Franco estaba moi lonxe daquelas esperanzas previas a 1936”, do “soño do vieiro do rexurdir de Galicia que viviu como unha privilexiada e ferida testemuña”.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL