Dhogs, imparable ao converterse no filme máis premiado da historia dos Mestre Mateo

Publicidad
Parte do equipo de "Dhogs" // Rocío Cibes - Academia Galega Do Audiovisual

Dhogs”, opera prima de Andrés Goteira estreada no Festival de Cine Independente de Buenos Aires a nivel internacional e no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) a nivel galego, foi a gran vencedora da gala dos XVI Premios Mestre Mateo. Partía como favorita, con até 17 candidaturas, e logrou 13 galardóns, superando a película máis premiada na historia dos Mestre Mateo, “O Descoñecido” (2015).

O filme alzouse como a mellor longametraxe de 2017 e con todos os grandes premios. En total, fíxose cos Mestre Mateo á mellor dirección (Andrés Goteira), mellor interpretación protagonista feminina (Melania Cruz) e masculina (Iván Marcos), mellor guión (Andrés Goteira), mellor música orixinal (Germán Díaz), mellor dirección de fotografía (Lucía Catoira Pan), mellor dirección de arte (Noelia Vilaboa), mellor son (David Machado e Javier Pato), mellor dirección de produción (Suso López), mellor montaxe (Juan Galiñanes e Andrés Goteira) e mellor interpretación feminina de reparto (María Costas) e masculina (Antonio Durán “Morris”).

Andrés Goteira, director e guinista de "Dhogs" // Óscar Corral -Academia Galega Do Audiovisual
Melania Cruz e Iván Marcos (Dhogs) recollen o seu galardón // Óscar Corral - Academia Galega Do Audiovisual

A gala, dirixida Iolanda Muíños por segundo ano consecutivo, sumouse ás campañas “Time's Up” e “Me Too” dos EE.UU. e “Más Mujeres” dos Goya cos abanos vermellos de “Máis Mulleres”. Unha demanda, a da igualdade e paridade no sector audiovisual, que estivo presente ao longo de toda a noite. “Quixemos sumarnos a este movemento pola igualdade, aínda que solo fora por compensar ao elenco de Fariña”, ironizaba a Muíños quen a súa vez criticaba a falta de peso feminino e a concepción de que as mulleres optan a premios secundarios e os home aos principais. “Son os Mestre Mateo femininos, os de verdade chegan a semana que ven con Súper Piñeiro”, satirizaba no escenario do Palacio da Ópera da Coruña.

No apartado documental, no que estaba nomeada Vigo 1972, o galardón recaeu en “A batalla descoñecida” (Agalla Films), outra ópera prima dirixida neste caso por Paula Cons, namentres que o premio á mellor serie de televisión foi para “Serramoura” (TVG) por cuarto ano consecutivo. No apartado das curtas, “The neverending wall” (Abano Producións) logrou o premio ao mellor curtametraxe de animación e “Matria” (Sombriza Films) fixo o propio na categoría de imaxe real.


Pódeche interesar: Dhogs, o thriller galego que deixa pegada no OUFF e en toda Europa


Este ano, as homenaxes foron para os Multicines Norte e para a actriz María Bouzas, que o recolleu na Gala agradecendo o “espazo de liberdade, de creación e de respecto” que é a Academia Galega do Audiovisual e os Premios.

A gala, que arrancou ás 22:00 horas e finalizou pasada a unha da madrugada, contou tamén coa chamada a atención para defender a liberdade de expresión e foi especialmente reivindicativa coa situación da cultura en Galicia. Non en van, non deixa de ser significativo que unha das produtoras da mellor película do 2017, Pixel Films, pechara as súas portas o pasado verán despois de oito anos de actividade.

O que non parece lograr o sector cultural e enganchar ao público a través dunha gala de premios rápida e breve. "Con tantas categorías que ten a gala imos entrar nun bucle infinito”, lamentábase a súa presentadora.

Todo, nunha noite de gran peso feminino, non so pola súa presentadora Iolanda Muíños e polas reclamacións icónicas dos abanos vermellos, senón tamén polas voces das actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias, a dirección de Marta Pazos, e a entrega dos premios da man de diversas profesionais de diferentes facetas do audiovisual galego.

XVI Mestre Mateo

CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN

  • MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: Conserveiras do noso (Miss Movies)
  • MELLOR CURTAMETRAXE DE AMINACIÓN: The neverending wall (Abano Producións)
  • MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: Matria (Sombriza Films - Álvaro Gago, Alberto Gago e José Gago-)
  • MELLOR DOCUMENTAL: A batalla descoñecida (Agallas Films)
  • MELLOR LONGAMETRAXE: Dhogs (Gaitafilmes e Pixel Films)
  • MELLOR PROGRAMA TV: A Revista Fin de Semana (Tempada 2017) (TVG)
  • MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: Serramoura (Capítulos 62-98) (Voz Audiovisual e CRTVG)
  • MELLOR SERIE WEB: Peter Brandon. Unha vida pola comedia (Capítulos 1-3) (Porco Bravú coa colaboración de Dinamo)
  • MELLOR VIDEOCLIP: Troubled times (Green Day) (Warner Bros Music e Manu Viqueira)

CATEGORÍAS PROFESIONAIS

  • MELLOR COMUNICADOR/A DE TELEVISIÓN: Nieves Rodríguez (Vaia troula!, Programas 133-148)
  • MELLOR DIRECCIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
  • MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: Noelia Vilaboa (Dhogs)
  • MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: Lucía Catoira Pan (Dhogs)
  • MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN: Suso López (Dhogs)
  • MELLOR GUIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
  • MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: María Costas (Dhogs)
  • MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA: Melania Cruz (Dhogs)
  • MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: Antonio Durán “Morris” (Dhogs)
  • MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: Iván Marcos (Dhogs)
  • MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: Chicha Blanco, Vicen Betí (Os fillos do sol)
  • MELLOR MONTAXE: Juan Galiñanes e Andrés Goteira (Dhogs)
  • MELLOR MÚSICA ORIXINAL: Germán Díaz (Dhogs)
  • MELLOR REALIZACIÓN: Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez (Tesouros no faiado, Tempada 1)
  • MELLOR SON: David Machado e Javier Pato (Dhogs)
  • MELLOR VESTIARIO: Arantxa Domínguez (Juana de Vega, vizcondesa do arado)
Salir de la versión móvil