Feira Culturgal 2021, a gran cita da cultura galega regresa con máis de cen actividades

Publicidad

Co lema "A cultura que toca" para este 2021, Culturgal presenta a todo o público a programación da súa 14ª edición, que se celebrará do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A feira contará con 119 stands, máis de 80 empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais.

Na xornada do 26 de novembro terá lugar o Acto Inaugural da Feira ás 13:00 horas e, a diferenza doutros anos, este día estará destinado á montaxe dos stands e polo tanto non se poderá acceder ao recinto feiral. Ainda así, poderase acceder ao Cinema e tamén ao Espazo Foro da Feira, con entrada gratuíta, onde se desenvolverá a programación de actividades que tratarán os grandes temas do sector e das preocupacións xordidas tras a pandemia, destinadas tanto a un público profesional como a todas aquelas persoas interesadas.

O sábado 27 e domingo 28 a Feira abre todos os seus espazos de 11:00 a 21:00 horas. A programación espallarase por todo o Pazo da Cultura en diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música ao vivo. Coa sección talismán da Feira, o sector editorial, chegan a Pontevedra grandes nomes da literatura como Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente.

A música tampouco faltará nesta edición de Culturgal con diferentes showcases e co espectáculo especial de Tanxugueiras o domingo 28, concerto no que a banda, que ven de presentar a súa candidatura ao Festival de Eurovisión, finalizará a súa xira. Ademáis, nesta cita chegan á Feira diferentes propostas das artes escénicas con Escena Galega, a función de Elefante Elegante con Dreaming Juliet o domingo 28 no Teatro Principal e a presentación da xira teatral de Fariña para 2022, entre outros. Como xa é marca de Culturgal, o público infantil e familiar terá moito que escoller durante o sábado 27 e o domingo 28 con propostas como a do CSIC Galicia de "Ciencia á Feira" ou a exposición de autómatas Kinétiko.

Como novidades, nesta edición lánzase a Culturgal TV, unha tele cultural de fin de semana que, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da Feira. O obxetivo desta nova iniciativa é "chegar á xente que non pode asistir", explica Xosé Aldea, director da Feira.

Ademais, alentada polo carácter dinamizador da Feira do sector cultural, a Deputación de Pontevedra presentará programas como Violencia Zero ou a marca Rias Baixas Film Fest. A Xunta de Galicia, pola súa parte, tamén participará na Feira con trece actividades ligadas ao Bono Cultura, ao sector dos videoxogos ou do audiovisual coa emisión de Rapa.

Na presentación da Feira o venres 19 de novembro, a organización explicou os obxectivos, liñas xerais e accións destacadas desta edición. Os asistentes, entre os que se atopaban Víctor López, presidente de Culturgal, Xosé Aldea, director da Feira, Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da AGADIC da Xunta de Galicia e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, coincidían en que esta edición iba a ser unha Culturgal "para reencontrarnos, na que cada vez adquiren maior protagonismo aquelas propostas culturais que encaran o futuro cara á accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade".

A ampla programación desta edición está dispoñible na páxina web de Culturgal. Ademáis, as entradas anticipadas xa se poden mercar na web de Culturgal ou en Enterticket a un prezo de tres euros a entrada xeral, dous euros até 16 anos e bonos e packs familares.

Salir de la versión móvil